O PP veta a comisión de investigación das caixas anunciada por Feijóo para un pleno extraordinario

Ana Pontón denunciou este mediodía un novo atranco do PP á creazón da comisión de investigación das Caixas, ao negarse a incluila na orde do día do pleno extraordinario que se celebará a próxima semana, tal e como demandou a formación nacionalista en Xunta de Portavoces.

A deputada explicou que este novo intento do PP de demorar no tempo a creazón da comisión evidencia que o anuncio feito por Feijóo na pasada sesión de control, logo de ter votado en contra o día anterior, foi un “lavado de cara” e unha “fuxida cara adiante” forzada pola situación xerada coa querela da Fiscalía e a sucesión de dimisións dos ex directivos.

A voceira parlamentar, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, asegurou que non hai razóns obxectivas que poidan xustificar máis retrasos, “hai que comezar a investigar xa, e así nolo está reclamando unha sociedade que ve con indignación como día a día medran os escándalos sobre a xestión das caixas”.

 Empezar a traballar xa

Para a deputada nacionalista, non é de recibo que mentres a Fiscalía investiga o Parlamento fique de brazos cruzados, por iso reclamou que se habiliten os meses de Xullo e Agosto para poder desenvolver os traballos da comisión de forma urxente.

O novo veto do PP evidencia que o anuncio feito por Feijóo na pasada sesión de control foi un lavado de cara e unha fuxida cara adiante forzada pola presión

“O PP non pode seguir teimando no argumento da recapitalización de NCG para xustificar máis demoras na investigación, pois como xa dixemos en numerosas ocasións non interfire para nada, é só unha disculpa que demostra que o goberno non ten presa nin interese en ir ao fondo da cuestión”.

A parlamentar lembrou que se trata de investigar en dúas direccións: a xestión propiamente dita e depurar tamén as responsabilidades políticas e administrativas de quen tiñan a responsabilidade de tutelar as caixas; “insistir en retrasar estes traballos só pode entenderse dende a postura de ter moito que agachar”.

Novo veto ás ILP de sanidade e educación

Por outra parte, a voceira do grupo nacionalista lamentou que, de novo, o PP vaia impedir o debate das iniciativas lexislativas populares de Preescolar na Casa e SOS Sanidade Pública, demostrando así o seu desprezo a unha das escasas vías de participación directa que teñen os cidadáns nas institucións.

“Estamos ante unha nova mostra da deriva autoritaria e antidemocrática do Partido Popular, a quen lle molesta que a sociedade critique as súas políticas, neste caso de recortes en educación e sanidade, e por iso tenta calar as súas voces”.

Ana Pontón lembrou que se trata de dúas iniciativas que contan co respaldo de milleiros de persoas, que teñen o dereito a que se lles escoite e a denunciar en sede parlamentar uns recortes inxustos que están xerando moita preocupación na sociedade, pois atacan dous piares básicos do estado de benestar.

 Ordes do día plurais

Asemade, a parlamentar criticou a “instrumentalización” que pretende facer o PP da Cámara durante este mes, ao negarse a aproveitar as posibilidades que dá o regulamento para poder acordar entre os grupos ordes do día plurais, tanto para posíbeis plenos como para comisións.

“O PP está facendo ventaxismo político e aproveitando a súa maioría absoluta para introducir só as iniciativas e debates que lle convén, o que racha coa normalidade democrática coa que se debera traballar tamén durante o próximo mes”.