O PP tumba a iniciativa do BNG contra as execucións hipotecarias

O Partido popular votou hoxe en contra da  Proposición de lei do BNG para reformar a lexislación procesual en materia de execución hipotecaria.

A deputada e portavoz de vivenda  nacionalista, Isabel Sánchez lamentou o voto en contra do PP para a toma en consideración dun texto destinado a aplicar  “medidas urxentes” en materia de execución hipotecaría.

O voto en contra do PP, no primeiro trámite da iniciativa do BNG,  tamén imposibilita o seu debate no Congreso.

Alternativas ás Execucións hipotecarias

A parlamentaria indicou que o acceso á vivenda en propiedade en anos de expansión económica e inmobiliaria provocou un “sobreendebedamento” de moitas familias que na actualidade non poden afrontar os vencementos dos créditos hipotecarios.

Neste sentido, considerou que é necesaria a intervención pública a través de medidas destinadas a paliar, o que cualificou de, “verdadeiros dramas” por mor dunha crise económica na que, ao seu xuízo, tivo unha grande influencia o propio sistema financeiro.

O voto do PP en Galiza impide o debate en Madrid

A nacionalista asegurou, que a “rixidez do marco procesual” non admite analizar alternativas diferentes ao pagamento da débeda vencida como a “entrega da vivenda como pago da débeda contraída”.

Nesta liña, Sánchez defendeu “a dación de pago para a cancelación da totalidade da débeda hipotecaria no caso de debedores de boa fe” asumindo a entidade financeira a perda de valor do inmoble que taxou cun “valor máis alto do real”.

Modificar a lei hipotecaria

A Proposición de lei do BNG contempla asemade modificar a Lei de Axuizamento Civil no concernente á execución dineraria en casos de bens especialmente hipotecados ou peñorados.

A  proposta nacionalista persegue con esta modificación, dixo a parlamentaria,  que o xuíz poda ordenar a execución para as cantidades pendentes no caso de que o produto da poxa dos bens hipotecados fose insuficiente.

Por outra parte, a iniciativa do BNG tamén contempla que se a poxa é inferior ao 80 por cento do ben, o executado poderá presentar no prazo de dez días un terceiro que mellore esta cantidade.

Se no caso de proceder a poxa non existira ningún postor, explicou a deputada, o acredor poderá pedir a adxudicación dos bens por cantidade igual ou superior ao 80 por cento do seu valor de taxación ou pola cantidade debida  por todos os conceptos.

A parlamentaria concluíu acusando ao Partido popular de non ter “vontade política” para resolver os graves problemas económicos  que están a padecer as familias que se ven abocadas a deixar as súas vivendas e seguir coas débedas contraídas con entidades financeiras, “vostedes non teñen ningún interese para que se discutan alternativas a este problema”.