O PP rexeita sumarse á querela contra o franquismo en Arxentina
A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu unha Proposición non de lei destinada a colaborar coas asociacións para a recuperación da memoria histórica en Galiza
A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe, instar á Xunta de Galiza a sumarse como acusación particular á querela aberta contra o franquismo en Arxentina, remitindo toda a información e documentación que obre no seu poder para acreditar os crimes no franquismo en Galiza.
Pontón que lembrou algún dos feitos gravísimos e terribles contra os galeguistas durante a ditadura franquista, considerou que é de xustiza reparar os sucesos dun dos períodos máis escuros danosa historia recente.
O franquismo, dixo, estableceu unha violencia masiva e planificada para consolidar unha hexemonía fascista e españolista con crimes contra a humanidade que deben ser investigados porque a impunidade, denunciou, representa unha vergoña e unha inxustiza contra os dereitos humanos máis elementais.
A nacionalista reiterou que os feitos mencionados son denunciados por asociacións e a ONU que mesmo alertou da violacións do Dereito Internacional no Estado Estado español.
Asistimos, dixo, a unha dobre moral no Estado español. A xustiza española xulga a Pinochet e o Tribunal Constitucional declarou competente a xurisdición española para investigar o xenocidio de Guatemala , sen embargo o Partido popular segue negándose a investigar os crimes do réxime franquista.
Dende o BNG, remarcou, entendemos que o Parlamento galego debe apoiar a querela presentada en Arxentina por asociacións e vítimas da represión franquista, ao igual que fixeron outros parlamentos.
Asemade, reclamou apoiar o proxecto de investigación, entre as tres universidades galegas, que segue sen concluír pero que aportou importante información, a xunta debe apoiar a exhumación das vítimas do franquismo cando esta sexa solicitada polos familiares.
Finalmente, a parlamentaria do BNG pediu retomar a colaboración coas asociacións que traballan pola recuperación da memoria histórica e restituír a homenaxe institucional na Illa de San Simón, lugar de represión franquista.