O PP rexeita pedir a transferencia dos aeroportos galegos
Ana Pontón defendeu a transferencia da competencia para xestionar os aeroportos de maneira conxunta coas autoridades locais e artellar un sistema aeroportuario galego baseado na especialización dos tres aeroroportos
Pleno- A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe unha Proposición non de lei con tres apartados dos que dous foron aceptados por unanimidade e un terceiro, o relativo á transferencia da competencia aeroportuaria a Galiza, non prosperou por votar en contra o Partido popular.
Na súa intervención, a deputada denunciou a falta de vontade do Goberno galego e a inacción da Xunta para potenciar as posibilidades de futuro dos aeroportos galegos
A proposta do BNG reclamaba, mentres non se produza a transferencia, retomar a coordinación de todas as administracións no seo do Comité de Rutas para planificar o mapa aéreo nos anos 2013 e 2014 así como unha posición de consenso da Xunta de Galiza.
Conexións con todo o mundo
Asemade, outro dos puntos aceptados hoxe por unanimidade é o referente a garantir as conexións cos grandes sistemas aeroportuarios que permiten as conexións con todo o mundo incrementando as conexións internacionais directas e de maneira especial as transoceánicas onde a diáspora galega ten unha forte presenza.
Potenciar o tráfico de mercadorías, apoiar unha estrutura estable de operación de transporte aéreo, garantir a seguridade en condicións óptimas e deseñar e dotar dunha rede de conexións intermodal entre os tres aeroportos galegos, puntos incluídos na proposta nacionalista, tamén foron aprobados hoxe por unanimidade na Cámara galega.
O BNG seguirá reclamando as competencias para os aeroportos galegos.
A deputada do BNG agradeceu o apoio á iniciativa pero salientou que o realmente importante nesta materia é o papel que lle confire o Estado aos aeroportos galegos.
Neste sentido, reiterou que é necesario seguir facendo política co fin de poñer aos aeroportos galegos ao servizo do país non só garantindo a mobilidade senón tamén converténdoos en axentes económicos.
A parlamentaria manifestou que estamos nunha grave crise económica e non podemos permitirnos o luxo de prescindir de elementos de dinamización económica.
Aeroportos galegos dinamizadores da economía
En resposta á intervención do Partido popular, Pontón afirmou que o PP pretendía coa súa emenda que o BNG avalara o actual traballo do Ministerio de Fomento e nós, dixo, estamos abordando unha cuestión de fondo que vostedes queren trivializar, a política de subvencións do PP ás aerolineas foron un fracaso recoñecido polo propio Núñez Feijóo que as cualificou cun suspenso.
Dende o BNG, consideramos que os aeroportos galegos son unha cuestión de país e por iso, anunciou, seguiremos reclamando as competencias nesta materia a través do artigo 150 punto 2.
A transferencia das competencias, non van a prexudicar a Galiza o que si a prexudicou, criticou, foi a política centralista destinada a beneficiar ao aeroporto de Madrid, con grandes investimentos e centralizando liñas, nós, concluíu, propoñemos modernizar os nosos aeroportos e poñer en prácticas políticas como aos dos aeroportos que funcionan ben.