PP e PSOE votan en contra da proposta do BNG para mellorar a calidade da auga das rías galegas
O portavoz parlamentario de Infraestrutura e Medio Ambiente, Luís Bará propuxo chegar “a un gran pacto” pola sustentabilidade, a calidade das augas, a produtividade e o futuro das nosas rías.
No debate da moción nacionalista, o parlamentario instou ao goberno galego a “reclamar as transferencias” para xestionar dende Galiza, os ríos, as rías o mar e a costa. Neste sentido, afirmou que as políticas dos últimos 30 anos centradas na construción de infraestruturas resultaron “un fracaso” e urxe revisar a concepción e xestión da auga cambiando as prioridades.
Neste sentido, apelou a aprender dos erros, corrixir as actuacións equivocadas e ineficientes porque non todo son “tubaxes, PVC e cemento”. Resulta imprescindible apostar pola investigación e innovación e mudar a relación co medio, sobre todo cos ecosistemas ultrasensibles como os ríos, os humedais e as xunqueiras. Temos, dixo que poñer freo aos recheos na ría de Vigo en Bouzas, devolver os terreos de dominio público ao público, ENCE fora da Ría de Pontevedra e deixar de entender o mar e as rías como vertedoiros de plásticos, residuos e materiais contaminantes como os da Foxa de Sálvora.
Para o deputado, ordenar o noso sector pesqueiro, a investigación oceanográfica, os Portos de interese xeral, as Titulacións profesionais náutico-pesqueiras, a ordenación do litoral, as Cuncas hidrográficas e a Meteoroloxía deben ser xestionadas dende Galiza e “non dende un despacho de Madrid”.
Bará defendeu rachar coas “inercias centralistas, a submisión do goberno galego a Madrid” porque a consecuencia, dixo, “son dez anos de seca e un goberno que se comporta como unha deputación”. O goberno galego debe asumir a súa responsabilidade e deixar de funcionar como “unha xestoría ou terminal dos poderes políticos e económicos. Asuman dunha vez que son o goberno galego, non unha xestoría, ou unha terminal dos poderes políticos e económicos madrileños.
Enfoque integral para outro medio ambiente e outro mar
Bará reiterou que Galiza precisa dunha “grande alianza polo mar, a costa e as rías” acompañada de coñecemento, investigación e o apoio das administracións, apoio que estendeu a todas as dimensións entre as que destacou a ecolóxica, social e produtiva. “Primeiro coñecemento e despois investimentos”, recalcou.
Nesta liña, propuxo elaborar un “Plan Integral de Rexeneración e aproveitamento dos recursos naturais, produtivos e sociais das rías galegas” así como a protección e mellora das marismas, humedais e concas fluviais”.A Xunta, explico Bará, presume de ter investido 1.110 millóns de euros dende o ano 2009 e ao tempo recoñece as deficiencias polo que dende o BNG, instamos ao goberno a mellorar as redes e as EDAR realizando un estudo preciso da súa idoneidade para corrixir as eivas.
Finalmente, o nacionalista tamén apostou por un informe sobre as actuacións realizadas no Plan Hidrolóxico Galiza Costa así como as pendentes e abrir un proceso de consultas e participación para o novo Plan 2022.
Todas as propostas do BNG para mellorar a calidade das augas, a produtividade e o futuro da rías galegas foron rexeitadas polo PP e PSOE.