O PP impide a titulación de grao na escola de Restauración de Pontevedra
A deputada do BNG, Monte Prado reclamou á Xunta facer uso das súas competencias e adscribir á Universidade os estudos da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais
Os votos desfavorables do PP impediron que prosperara a iniciativa nacionalista defendida pola deputada do BNG, Montse Prado relativa á adscrición da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galiza á universidade.
A deputada iniciou a súa intervención lembrando o alumnado da Escola Superior de Restauración de Pontevedra que tras unha marcha con saída de Pontevedra o pasado martes percorría as rúas de Santiago reivindicando a titulación de grao, baixo o lema Os defraugraos, á mesma hora que tiña lugar na Cámara galega o debate da iniciativa do BNG.
Montse Prado reclamou a consideración de estudos universitarios para as escolas superiores de ensinanzas artísticas coa titulación de grao e afirmou que algunhas comunidades autónomas fixérono utilizando a lexislación educativa que posibilita a integración, desta maneira, dixo, os estudos de restauración e conservación foron transformándose en graos universitarios ao igual que os estudos de conservatorio e arte dramático.
Para a parlamentaria non existe ningún escollo a hora de acadar a titulación de grao na Escola de Restauración de Pontevedra xa que existen antecedentes entre os que destacou a Escola Naval de Marín e a de Negocios de Caixa Nova, a Xunta, nestes casos non puxo inconveniente algún.
A deputada aludiu ao alumnado que iniciou os estudos no curso 2010-2011 coa perspectiva de acadar o grao universitario como reflectía a matricula e que na actualidade, apiques de rematar os estudos, vive coa incertidume de acadar esa titulación universitaria.
O alumnado defraugrao
Os alumnos e alumnas levan semanas mobilizando e reivindicando a titulación de grao e intensificando esta demanda porque durante ano e medio agardaron por unha xuntanza co conselleiro de Educación. A deputada anunciou que o alumnado seguirá coas mobilizacións porque a solución é legal e posible e mesmo a actual LOMCE permíteo.
Neste sentido, asegurou que a Universidade de Vigo está disposta a acoller a titulación, só é unha cuestión de vontade política e o BNG defende hoxe esta iniciativa como primeiro paso para regular a titulación de grao a través das competencias da Xunta en materia de educación.
O alumnado galego obrigado a estudar fora do país
Na quenda de réplica, a nacionalista respondeu ao portavoz do Partido popular, Román Rodríguez que noutras partes como Portugal estes estudos teñen a consideración universitaria e se o Goberno galego non resolve concederllela á escola de Restauración moitos alumnos e alumnas galeg@s serán condenados a estudar noutros lugares para poder competir en igualdade de condicións no mercado laboral.
A deputada, que vestía unha camiseta contra a LOMCE, rematou a súa intervención negando os argumentos do portavoz popular que afirmou non existir ningunha diferenza na titulación actual non me creo, dixo Prado que a titulación actual coloque ao alumnado nas mesmas condicións que a de grao porque de ser así, o alumnado non marcharía a estudar a Asturias ou Portugal para acadar a condición universitaria