parlamento galego

PP impide que prospere a proposta do BNG que pedía a “intervención pública” da empresa ALUIBÉRICA con base na Coruña

Ramón Fernández Alfonzo
Ramón Fernández lamentou que os votos en contra do PP e a abstención do PSOE impediran un pronunciamento unánime do Parlamento para garantir o futuro da empresa

O portavoz en materia de Industria do BNG, Ramón Fernández Alfonzo reclamou no Parlamento galego   un “pronunciamento unánime”  a favor da Intervención do  goberno do Estado na empresa ALUIBÉRICA, e concretamente da fábrica situada na Coruña. Os votos en contra do Partido popular e a abstención do Psoe impediron que a proposta nacionalista prospera. 

Na defensa da proposta, Ramón Fernández explicou que a  empresa do  grupo ALCOA foi traspasada ao fondo suízo PARTER no transcurso do ERE extintivo e como medida alternativa ao peche da fábrica. Unha medida, dixo, acordada entre ALCOA e a maioría da representación legal do persoal das fábricas da  Coruña e Avilés e coa participación  do Ministerio de Industria e dos gobernos galego e asturiano.

A operación da venda incluía o compromiso de  ALCOA de  poñer a disposición da compradora fondos por valor de 95 millóns de euros, nun período de 2 anos a partir da data de venda. “Unha achega de capital condicionada á subrogación de todo o persoal co  mantemento das condicións salariais e retributivas previas, así como investimentos da compradora para a viabilidade do proxecto industrial. A compradora comprometíase a poñer en funcionamento de novo as cubas de electrólise e a realizar melloras no proceso de fundición.

Mon remarcou que na fábrica da Coruña traballan máis de 300 persoas de maneira directa, ademais de traballadores e traballadoras de empresas auxiliares e empregos inducidos.

Os feitos que se foron sucedendo desde o momento no que ALCOA anuncia a venda  da fábrica a un terceiro "serio e solvente que garantise a actividade e viabilidade da fábrica", como afirmou a propia ALCOA, hoxe soa “a burla”, e está máis relacionada comisión “dunha fraude e estafa programada a gran escala” que cunha  operación industrial.

A compradora PARTER estivo case desde o primeiro momento preparando a venda da fábrica a outra empresa, o GRUPO RIESGO, “incumprindo as  condicións de venda”, e colaborando con  ALCOA  para suspender as súas obrigas de achegas de fondos sociais.

Por outra parte, arfirmou o deputado,  “os incumprimentos co persoal son graves e reiterados” como falta de ocupación de máis de 200 traballadores e traballadoras que  lugar a actuacións inspectoras, demandas de conflito  colectivo e convocatorias de folga, medidas ante as que a dirección da empresa actual responde con “represalias” e desatendendo os intentos de mediación e requirimentos realizados pola autoridade laboral e mesmo  chegando recentemente a “despedir a 4 sindicalistas” entre os que se atopan o presidente e o secretario do Comité de empresa.

Outra empresa abocada ao peche

O deputado do BNG advertiu que falta de implicación política aboca a  ALUIBÉRICA   a un peche  que será “insolvente” polos sistemáticos impagos a provedores e incumprimento de obrigas sociais .

A responsabilidade das empresas propietarias, a xestión da fábrica e as institucións e gobernos que nun primeiro momento se felicitaron polo  acordo que evitaba o peche e salvaba os empregos, vai na senda de converterse “no episodio máis abusivo, vergoñento e escandaloso” do historial de desmantelamento industrial do noso país.

Dende o BNG, afirmou Mon, continuaremos reclamando un acordo para rescatar o emprego  e unha actividade económica e industrial de carácter estratéxico para Galiza e para comarca da Coruña. Seguiremos reclamando “a intervención do goberno do estado” para incorporar a empresa ao  sector público  e promover  a súa posterior venda a un operador privado que  garanta a viabilidade do proxecto industrial”, reiterou.

Unha intervención pública para salvar ALUIBÉRICA

O parlamentario do BNG insistiu na intervención pública da empresa e puxo como exemplo a fábrica de aluminio de PORTOVESME en Italia, propiedade de  ALCOA e tamén condenada ao peche e  intervida polo Estado italiano, concretamente polo organismo italiano equivalente á SEPI do goberno de España, para a súa posterior venda a un terceiro que a poña en marcha, coa colaboración da empresa pública de enerxía italiana ENEL.

O nacionalista  lamentou que os votos en contra do PP e a abstención do PSOE impedirán un acordo no Parlamento para intervir publicamente a  fábrica, en coherencia cos compromisos adquiridos polos gobernos, mais tamén e sobre todo, dixo, para “resolver definitivamente unha crise e unha situación absolutamente intolerable”.