O PP impide debater a reforma do aborto na Comisión de Igualdade
Carme Adán acusou á Secretaria de Igualdade de permanecer muda sobre a modificación da lei do aborto e reclamou incluír o debate pola reforma no inicio da actividade da Comisión de Igualdade no Parlamento galego
O Parlamento galego iniciou hoxe a súa actividade na comisión non permanente de estudo para a Igualdade e Dereitos das Mulleres ao fin de aprobar as normas de funcionamento e elaborar o vindeiro plan de traballo.
A deputada do BNG, Carme Adán propuxo introducir de maneira urxente o debate da reforma do aborto impulsado polo ministro Gallardón que está a provocar grande resposta social.
A nacionalista lamentou que o Partido popular impedira debater sobre unha cuestión dixo, que afecta non só as mulleres e que representa a maior involución en décadas.
Adán reclamou ao PP asumir o debate sobre a reforma do aborto e solicitou a comparecencia na comisión da Asociación Vela luz e de persoas expertas en saúde sexual.
A secretaría xeral de Igualdade muda ante a reforma
Por outra parte, a deputada acusou á Secretaria de Igualdade de permanecer muda ante o debate social suscitado pola modificación da lei que substitúe prazos por supostos para a interrupción do embarazo e criticou que a comisión de Igualdade furte os debates sobre os dereitos das mulleres en xeral circunscribíndoa á violencia de xénero.
Para a deputada, no Partido popular non existe vontade de mellorar os dereitos das mulleres e esta reforma, afirmou, demóstrao claramente. Os datos están en riba da mesa, engadiu, Galiza mantén a taxa máis baixa de IVEs de todo o Estado e no ano 2012 mesmo descendeu a respecto do ano 2011, sete mulleres de cada mil abortaron no noso país, media inferior en relación á media europea.
Existindo unha taxa tan baixa e unha lei que funciona ben non é necesario modificar a lexislación para pasar de prazos a supostos e a reforma sitúanos á cola de Europa en materia de interrupción voluntaria do embarazo, sentenciou.
Finalmente, os votos en contra do Partido popular impediron que as propostas do BNG prosperaran.