O PP de Feixóo teledirixido desde Madrid rexeita ampliar as competencias de Galiza

Luís Bará
O Partido Popular vota en contra da iniciativa do BNG que instaba á Xunta a participar activamente na Comisión de Transferencias do Estado para incrementar o autogoberno de Galiza, poñendo en valor o acordo de investidura asinado pola organización nacionalista

O deputado do BNG, Luís Bará puxo en valor o acordo de investidura acadado polo BNG e o PSOE  e pediu a todas as forzas políticas o apoio para unha nova etapa que permita incrementar o autogoberno en Galiza.

Na defensa da Proposición non de lei, o parlamentario do BNG instou á Xunta a “participar proactivamente na Comisión de Transferencia do Estado”. A xunta, dixo, debe convocar a comisión no primeiro trimestre do 2020 para “programar a activación da transferencia da totalidade das competencias pendentes”.

Trala intervención do portavoz parlamentario do Partido popular, Pedro Puig, o nacionalista acusou ao goberno galego de estar “teledirixido por Xénova” e criticando un acordo que representa “un paso adiante e positivo” para Galiza. Estamos, dixo, “centrándolle  o balón e vostedes non  teñen máis que rematalo”. Demanden a convocatoria da comisión bilateral e abran as negociacións para a transferencia da AP-9, as competencias en costas, tráfico, inspección de traballo e todos as competencias pendentes pola “incapacidade e inutilidade do Partido popular”.

O acordo de investidura, reiterou, deixou “descolocado ao Partido popular” como demostrou o “cabreo” do Presidente da Xunta en resposta á pregunta da viceportavoz do BNG, Olalla Rodil esta mesma mañá. Que o PP quedara “noqueado” é un bo termómetro para medir a importancia do acordo e a reacción do Partido popular constata que foi “un moi bo acordo”, recalcou o nacionalista.

O BNG en Madrid está para defender os intereses de todos os galegos e galegas e non para “calar como fixeron os deputados e deputadas do PP” e a este primeiro acordo seguirán máis. O BNG conseguiu “desbloquear unha situación de parálise e servir  de dique de contención das dereitas”.

Bará preguntou ao PP si quere rebaixar as abusivas peaxes da AP-9, a transferencia da infraestrutura, sanear as rías, mellorar o ferrocarril, impulsar o sector industrial, reducir as taxas de reposición, que os retornados tributen dunha maneira xusta , impulsar os xulgados de violencia de xénero, unha compensación polas tarifas eléctricas nas comunidades excedentarias, queren tamén compensacións para as industrias electointesivas, pois ben, si queren todo isto, lean o noso acordo e voten a favor da proposta que hoxe defendemos.

Finalmente o deputado do BNG   fixo fincapé na necesidade de impulsar as reformas necesarias para adecuar a estrutura do Estado ao “recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza”. Neste sentido,  censurou as criticas do Partido popular neste ámbito e afirmou que grazas  “o sentimento de pertenza”  Núñez Feixóo é presidente da Xunta,  polos sentimentos nacionais de pertenza existe o autogoberno, temos un estatuto e por ese mesmo sentimento nacional tivemos a dúas persoas como Bóveda e Castelao que “pagaron moi duramente a defensa deses ideais e sentimento de pertenza”.

A proposición non de lei defendida por Luís Bará foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

 


RELACIONADO: