Ana Pontón: “A Xunta estivo máis pendente da patronal que da situación nas residencias de maiores”
Acusa ao goberno de “trato mercantilista da vellez” e pide mudar o modelo “privatizador” por unha xestión pública que asegure unha atención digna
Urxe un protocolo contra o contaxio e garantir a visita de familiares
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón manifestou hoxe que na crise da COVID-19, a “Xunta estivo máis pendente da patronal que da situación nas residencias de maiores” e pediu un cambio de modelo para non repetir o acontecido recentemente nestes centros.
Pontón explicou que na actualidade, Galiza conta con 223 residencias, das que só 24 son de xestión pública e denunciou que en 11 anos, a “Xunta non construíu ningunha residencia nin creou ningunha praza nas residencias de maiores”. Para a nacionalista, esta xestión confirma a negativa do goberno de Feixóo a impulsar unha rede pública que garanta unha atención digna ás persoas maiores. Resulta evidente, dixo, que nesta crise existiu “un trato mercantilista da vellez” e que é preciso cambiar o modelo.
Tras o encontro, por videoconferencia, con representantes de traballadores e traballadoras e familiares de persoas usuarias nas residencias no que tamén participou a deputada do BNG, Montse Prado, a portavoz nacional do BNG insistiu na necesidade de planificar a volta a normalidade dos centros despois de que moitas persoas aínda continúan illadas tras dous meses de confinamento. “Urxe poñer en marcha un protocolo que priorice as medidas contra o contaxio” e que as familias podan realizar visitas.
O BNG pide investigar as residencias
Para a portavoz nacional do BNG, resulta imprescindible coñecer a verdade do sucedido nas residencias de maiores e non dar “por boas as explicacións da Xunta” porque, ao seu xuízo, son “insuficientes”. As explicacións da Xunta, reiterou, evidencian que non asume a súa responsabilidade e no remate do proceso de desescalada faise necesario iniciar “unha investigación” para saber que aconteceu durante a crise nestes centros e sobre todo, tirar conclusións para non incorrer nos mesmos erros.
Hai que abandonar o modelo privatizador das residencias
Pontón afirmou que a crise da COVID-19 confirmou o que o BNG viña denunciando sobre as anomalías e precariedade de persoal e medios nas residencias de maiores e a clave, recalcou é un cambio de modelo e unha aposta por unha asistencia digna ás persoas maiores. “Hai que mudar o modelo privatizador e apostar por unha xestión pública”. A asistencia digna ás persoas maiores é un dereito fundamental que temos o deber de garantir.