Pontón propón intervir no mercado para ter prezos xustos do leite a acabar co acoso @s gandeir@ss
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou a fábrica de Feiraco en Ponte Maceira dentro da ronda de contactos cos sectores económicos e axentes sociais do país onde mantivo un encontro coa dirección da cooperativa leiteira encabezada polo presidente, José Montes, e polo director xeral, José Luis Antuña.
Pontón, que estivo acompañada de Xosé Luís Rivas, Mini, fixo balance da situación dun sector que cualificou de estratéxico e que, denunciou, queda tocado tras sete anos de abandono por parte do Goberno de Feijóo.
Hai tres datos que son clarificadores da delicada situación do sector: os gandeiros e gandeiras deste país seguen cobrando o prezo máis baixo do leite en todo o Estado, sete de cada dez explotacións leiteiras que pecharon en 2015 eran galegas e desde que goberna Feijóo botaron o peche 4.300 explotacións, indicou. Un balance elocuente para concluír que Feijóo deixa ao sector tocado porque nunca se puxo do lado dos produtores e nunca tivo unha estratexia de apoio a unha actividade clave para Galiza.
Pontón trasladou á dirección da cooperativa Feiraco as propostas do Bloque para o sector leiteiro que serán recollidas no programa electoral cos que se presentará aos comicios galegos. A primeira decisión é garantir un prezo xusto para os produtores cunha intervención directa da Administración no mercado para evitar o dumping que se da neste sector en Galiza, a través das industrias e da distribución que extorsionan aos gandeiros.
Neste sentido, lembra o fracaso anunciado do acordo asinado fai un ano en Madrid. Tras semanas de mobilizacións nas rúas, díxoselles que ese acordo era a solución para acadar prezos xustos e a día de hoxe a situación é igual ou peor, coa mesma indefensión ante a industria, cos prezos máis baixos e sen apoio a un sector estratéxico para o país.
A candidata á Presidencia da Xunta tamén salientou que o programa do Bloque aposta por un Plan estratéxico de apoio a produción e a diversificación, que teña como elemento central a creación dun Grupo lácteo galego desde o que se coordinen todas as iniciativas actuais e futuras. O novo goberno que saia das urnas en outubro debe expresar un compromiso claro co sector dándolle o recoñecemento de estratéxico porque o sector leiteiro precisa unha aliado na Xunta, xusto o contrario do actual Executivo do PP. Feijóo sempre está do lado contrario, nunca está cando o país o necesita, lamentou.
Silvas
O Bloque salientou que o sector leiteiro é estratéxico non só a efectos económicos e de emprego senón tamén de equilibrio territorial. O medio rural sen o sector leiteiro desaparecería, se a xente que agora vive no rural abandona, veremos como as silvas acaban comendo todo, alerta Pontón, por iso é fundamental a súa preservación para o país, concluíu.