A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a Iván Rivas como a persoa capaz de lograr que Ferrol “se suba ao tren do futuro”, sacando a cidade do seu letargo e decadencia para conseguir un Ferrol que non se poña límites, aproveitando todo o seu gran potencial, explicou a líder nacionalista no acto de presentación de Rivas como candidato á Alcaldía.
“O lema da candidatura que encabeza Iván non pode ser máis apropiado: Ferrol sen límites, -alegou Pontón-, porque iso é o que o BNG quere para esta cidade, un Ferrol que deixe atrás a resignación e a decadencia para abrir un tempo novo de futuro sen poñerlle límites a unha cidade que ten un potencial enorme”. A líder nacionalista subliñou a capacidade de Ferrol “para ser unha cidade próspera, con dinamismo económico e social, con calidade de vida, con capacidade para xerar riqueza e emprego”, destacou, indicando que o BNG ten tanto o mellor candidato como o mellor proxecto para conseguilo.
“No BNG sabemos como facelo, porque xa o demostramos alí onde gobernamos, con proxectos transformadores, capaces de mellorar a vida das persoas”, explicou a líder nacionalista poñendo como exemplo Pontevedra e facendo un paralelismo con Ferrol.
“Hai vinte anos, Pontevedra era unha cidade moi similar ao que é hoxe Ferrol, decadente, sen pulso, sen ilusión, sen autoestima, cun urbanismo caótico no que o coche invadía as rúas, cun centro histórico abandonado e sen vida. Hoxe, dúas décadas despois, o BNG converteu Pontevedra nun referente mundial de urbanismo sustentable, ten un centro histórico rehabilitado, no social e no económico, as rúas están cheas de vida e a veciñanza recuperou o orgullo de ser de Pontevedra”, explicou.
“O que o BNG fixo en Pontevedra da man de Lores, pode facelo en Ferrol da man de Iván Rivas, proclamou, porque temos ao mellor candidato, con liderado, coñece e quere a esta cidade e porque ten proxecto para darlle un futuro mellor a veciñanza de Ferrol”, proclamou Pontón no acto de presentación.
Revitalizar Ferrol é posible, no económico, no social, no cultural, co proxecto claro de cidade, con proposta e coa solvencia, experiencia e confianza que aporta Rivas. “Por iso, co mellor candidato e co mellor proxecto para esta cidade, o BNG non se pon límites, vai a por todas para liderar o futuro goberno municipal de Ferrol da man de Iván Rivas e abrir un tempo novo de esperanza e de oportunidades para esta cidade”, proclamou Pontón.
A ambiciosa proposta do BNG para Ferrol ten en conta tres grandes liñas de actuación: Económica, infraestruturas e equipamentos sociais e dignificación da cidade. No económico, un goberno liderado polo BNG fará unha defensa decidida dos sectores produtivos vinculados a Ferrol e a súa comarca. Sectores que van desde o naval, -incluída toda a industria auxiliar vinculada-, pasando polo sector marisqueiro, o que pasa polo saneamento integral da Ría. E desde logo, potenciar todo o tecido empresarial local e de comercio de proximidade.
No ámbito das infraestruturas e equipamento social, un goberno liderado polo BNG faría causa da mellora das conexións ferroviarias, porque “dunha vez por todas, Ferrol ten que ter un transporte ferroviario do século XXI”. E no ámbito dos equipamentos sociais, “a veciñanza sempre terá no BNG un aliado para defender uns servizos públicos de calidade, sanidade, educación, atención ás persoas maiores”.
Orgullo de cidade
Pero Ferrol ten que recuperar “o orgullo da cidade”, alegou, por iso, un goberno liderado polo BNG “mudaría a resignación en esperanza, traería ambición a onde agora hai derrotismo, e traballaría man a man cos colectivos da cidade, para recuperar o liderado perdido tanto a nivel nacional como dentro da propia comarca de Ferrolterra”, concluíu.
Pola súa parte, Rivas destacou o “proxecto político ambicioso e de futuro, capaz de deixar atrás as inercias do pasado para conseguir un Ferrol sen límites, dando solucións aos problemas que ten a cidade”. O candidato á Alcaldía fixo referencia tanto crise sanitaria, “da que debemos aprender”, como a crise de prezos.
“Propoñemos un Ferrol saudable, sustentable, que atenda a demanda de zonas libres e verdes, onde o concello asuma a responsabilidade que ten como administración pública e xestione directamente servizos que dan emprego e poden mellorar a calidade de vida”, explicou.
Humildade, traballo, diálogo
Rivas citou entre as prioridades dun goberno municipal do Bloque a xestión directa dos residuos, poñer en marcha unha política social de vivenda aproveitando o parqué de mil vivendas públicas que ten o concello e dar solucións aos problemas do transporte e de mobilidade serán obxectivos prioritarios. Igualmente, destacou o patrimonio arquitectónico e natural excepcional da cidade, que deben poñerse en valor.
O candidato nacionalista comprometeu “humildade e vontade de traballar día a día, sen descanso, por darlle un futuro mellor a Ferrol a todos os veciños e veciñas, sobre a base do diálogo”.