Pontón pide retirar o Decreto do Plurilingüismo e aplicar o Plan de Normalización
A portavoz de Cultura do BNG, cualifica de desastre a política lingüística da Xunta e pide protección para a lingua galega
A portavoz de cultura do BNG, Ana Pontón aproveitou a comparecencia do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García para pedir novamente que sexa retirado o Decreto do plurilingüismo e se cumpra o Plan de Normalización Lingüística en Galiza.
Trala intervención do titular de Política Lingüística da Xunta, a parlamentaria nacionalista cualificou a comparecencia de Valentín García de oda á imaxinación ao poder e expresou a súa sorpresa por non ter abordado a situación lingüística en Galiza, motivo da convocatoria de comparecencia.
Ana Pontón mostrouse especialmente crítica coas liñas e obxectivos do departamento que dirixe Valentín García e cualificou de relato de iniciativas menores o que en realidade debería ser unha análise da situación lingüística de Galiza.
Na súa intervención, a deputada censurou que a comparecencia de García non houbera ningunha referencia, á situación do idioma galego, os seus problemas e previsións da Xunta para resolvelos.
Neste sentido, volveu reclamar a retirada do Decreto do plurilingüismo e a posta en práctica do Plan de Normalización Lingüística.
Para a parlamentaria do BNG, o decreto ataca á lingua galega e pon en risco o seu proceso de normalización, máis vostede, dixo, non nos fala nada diso e ven aquí a gabarse de actuacións que nin sequera son da Xunta de Galiza entre as que destacou o twitter en galego, froito do traballo social non da Secretaría xeral de Política Lingüística que recibiu miles de críticas por unha nota noxenta na que tentaba apropiarse da iniciativa.
O PP diminúe a presenza do galego en todos os ámbitos
Pontón recriminou a política da Xunta no audiovisual da que dixo, afoga e diminúe a xa cativa presenza do idioma galego e debería preocuparlle, dixo, que películas como Vilamor teña problemas para ser exhibida en circuítos comerciais.
A parlamentaria tamén criticou a oferta audiovisual destinada aos nenos e nenas e recomendoulle ao director xeral ver algo máis a TVG, seguen poñendo os debuxos animados que eu vía de pequena comentou. Esas producións audivisuais están desfasadas.
Ana Pontón acusou ao representante da Xunta de destruír o idioma galego e nesta liña aludiu á opinión do Comité de expertos do Consello Europa sobre a aplicación da Carta europea das Linguas no Estado español a respecto de Galiza que felicita aos gobernos catalán e vasco polo apoio e promoción dados en todos os ámbitos sociais maioritariamente do ensino pero non fai o mesmo co Goberno galego ao que lle reprocha a redución gradual do uso da lingua galega no ensino, a xustiza e os medios de comunicación.
A deputada concluíu afirmando que a política lingüística da Xunta persegue o retroceso da nosa lingua en todos os ámbitos e impide a súa normalización eliminando os servizos e dificultando o traballo das equipas nos concellos, nos centros de ensino e na administración.
O PP vota en contra da retirada da lei Wert
Na mesma comisión, a Proposición non de lei defendida polo portavoz de Educación, Cosme Pombo para demandar do Goberno central a retirada do Anteproxecto de lei Orgánica para a mellora da calidade educativa, (LONCE) foi rexeitada polo Partido popular.
Pombo denunciou que a LONCE foi elaborada sen estudos previos como un corta e pega que non vale para nada E que nega o dereito ao ensino galego.
O deputado pediu a retirada dun texto que cualificou de lesivo para todos os galegos e iniciar un novo proceso de dialogo para acadar unha Lei que conte co respaldo da comunidade educativa e da cidadanía.
Pombo concluíu cualificando a LONCE de reaccionaria, españolizadora, antigalega, privatizadora, clasista, antipedagóxica, confesional e liquidadora do ensino público galego.