Pontón: "A Feijóo non lle saen as contas e o BNG é garantía dun cambio real"
A portavoz nacionalista amosouse convencida de que o proxecto do BNG é o mellor antídoto contra as políticas do PP e conducirán a Feijóo á cola do paro
Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón ao candidato Feijóo non lle saen as contas e cree que reducindo a campaña electoral amortiguará a súa caída. Urkullo, dixo Pontón, fíxolle un favor a Feijóo co adianto electoral en Euskadi ao darlle unha escusa de ouro para provocar o adianto en Galiza porque Feijóo ten moi claro que cada día que pasa perde votos e non quere as elección galegas coincidan co xuízo da Gürtell.
O BNG garantía de cambio real en Galiza
Ante os medios de comunicación, a líder nacionalista afirmou que no BNG estamos preparadas e motivadas para esta cita do 25 de setembro e imos con ilusión, optimismo e fortaleza porque o proxecto do BNG é o mellor antídoto para derrotar a dereita rancia e centralista de Feijóo.
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón asegurou que o candidato Feijóo iniciou a campaña con dúas mentiras, a primeira que era un adianto técnico dunha semana cando en realidade adiántanse as eleccións un mes sobre a data que o propio Feijóo anunciou hai un días e a segunda que quere evitar que as eleccións galegas coincidan co xuízo da trama Gürtell. Neste sentido, a candidata nacionalista explicou que esa trama de corrupción do PP salpica ao Goberno e Partido popular Galego e Feijóo foi encubridor dun dos seus principais artífices desa grande trama de corrupción , Pablo Crespo cuxa relación, Feijóo nunca nunca deu explicacións.
O BNG ten un proxecto de país feito dende a cabeza e o corazón
No BNG temos os deberes feitos, recalcou a candidata do BNG. Presentámonos con todo o impulso e convición de que o proxecto político do BNG é o mellor antídoto contra o Partido popular e a mellor forma de que se produza un cambio real en Galiza. Unha das claves, dixo, é cambiar o modelo, mudar a dependencia para autoresponsabilizarnos do noso futuro e que os galegos e galegas contemos con instrumentos para enfrontar a crise. O BNG ten un proxecto de país pensado para darlle futuro a Galiza coa cabeza e o corazón aquí.