Pontón anuncia que solicitará a Deputación Permanente para que Rueda asuma a súa responsabilidade política polo escándalo do Álvaro Cunqueiro

Ana Pontón
A portavoz nacional sinalou que o PP de Rueda e Feijoo prefire entregarlle un sobreprezo de 470 millóns de euros a un fondo de inversión francés “en vez de contratar máis persoal médico ou mellorar o equipamento técnico sanitario da sanidade pública”.

 

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, na súa visita á Romaría Vikinga de Catoira, alertou da situación da sanidade e as consecuencias dos recortes e privatizacións do Partido Popular ao longo destes anos.

Pontón califica a situación sanitaria de “crítica” que se agudiza durante o verán, onde vemos un incremento do nivel de recortes como centros de saúde sen pediatra, falta de persoal médico e polo tanto, “como se deteriora un servizo básico, como é a sanidade”.

Dende o BNG teñen claro que o deterioro da sanidade pública non é só mala xestión, “é tamén un modelo polo que o Partido Popular quere deteriorar o público en beneficio da sanidade privada porque para eles a saúde é un negocio” afirmou Ana Pontón.

A líder do BNG exemplificou estas políticas en relación á construcción do hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, que calificou de “escandaloso” que os galegos e galegas teñan que “pagar un sobreprezo de 470 millóns de euros por un hospital máis pequeno e con menos camas do que estaba previsto” en beneficio dunha empresa francesa.

O propio Consello de Contas explicou que de terse feito pola vía ordinaria, o mesmo hospital tería custado 470 millóns de euros menos e Pontón cuestionou en que se podería ter investido todos eses millóns en favor da sanidade pública. A portavoz do BNG sinalou que o PP de Rueda e Feijoo prefire entregarlle un sobreprezo de 470 millóns de euros a un fondo de inversión francés “en vez de contratar máis persoal médico ou mellorar o equipamento técnico sanitario da sanidade pública”.

“É unha estafa ao conxunto da sociedade galega e Rueda non pode marchar de rositas”. Ana Pontón anuncia que o BNG vai solicitar a convocatoria da Deputación Permanente con dous obxectivos claros: que Rueda acuda ao Parlamento para asumir a súa responsabilidade política “por construír un hospital con recortes e privatizado”, que por riba tivo un sobreprezo duns 470 millóns de euros máis, un incremento que se ocultou á cidadanía; e por último, que tras o entramado de irregularidades da concesión, “se recate para o público o hospital de Vigo” concluíu.