BNG denuncia a “estafa xigantesca” que supuxo para Vigo e toda Galiza o modelo privatizador do PP no Álvaro Cunqueiro
A formación nacionalista pídelle ao Sergas que inicie o rescate da concesión tras o “entramado de irregularidades” constatado polo Consello de Contas
O BNG reclama ao Goberno de Rueda que inicie o proceso para recuperar a concesión do Álvaro Cunqueiro de Vigo logo de constatar o Consello de Contas que o modelo privatizador imposto polo PP neste hospital supuxo unha “estafa xigantesca” tanto para a veciñanza da área sanitaria de Vigo como para o conxunto de Galiza.
“O Executivo do PP ten que dar moitas explicacións sobre este entramado de irregularidades que denuncia o Consello de Contas, pero o máis importante é que atenda o clamor social que demanda unha rectificación completa, un xiro de 180º nas súas nefastas políticas sanitarias”, manifestou o deputado de Vigo Brais Ruanova, para quen o informe do órgano fiscalizador confirma que, tal e como denunciou o BNG, o PP quixo facer do Álvaro Cunqueiro “punta de lanza dunha estratexia para converter a sanidade galega nun goloso negocio para o sector privado”.
Cun sobreprezo de 470 millóns de euros, tal e como denuncia Contas, as case 600.000 persoas da área sanitaria de Vigo “padecen un hospital privatizado e recortado, e con menos prestacións das inicialmente proxectadas e necesarias”, subliñou o deputado nacionalista, que lembra que malia que se proxectaron dúas mil camas, o Álvaro Cunqueiro tan só chegou a despregar 1.366, e iso no seu punto máximo, no ano 2020 en plena pandemia.
Rúanova remarca ademais que, segundo demostra o informe fiscalizador, o proceso de adxudicación do hospital foi irregular e non estivo axustado ás normas de contratación. “Foi un proceso acelerado, mal planificado e deseñado en función de intereses privados”, considerou, para asegurar que “queda claro que a única beneficiaria desta operación desastrosa é a UTE privada que cada ano está a ingresar preto de 90 millóns de euros de canon”.
Tras analizar as conclusións de Contas, o deputado nacionalista destaca neste sentido que “a área de Vigo foi durante os últimos 15 anos un laboratorio, un banco de probas para o PP no seu proceso de privatización da sanidade pública galega”, sendo cada vez maiores as derivacións do Sergas a centros privados, parte dunha estratexia na que se enmarca tamén o concerto singular de Povisa, “que impón unha sanidade desigual e con menos recursos e persoal para a poboación que ten adscrita”.
“Entre o canon do Álvaro Cunqueiro, os contratos de derivación e o concerto de Povisa, o Partido Popular está desviando cada ano preto de 200 millóns de euros de recursos públicos do orzamento sanitario para os petos de empresas privadas”, denuncia .
É por todo iso que o BNG esixe ao Goberno de Rueda que poña fin á “estafa” que supón o modelo do Cunqueiro iniciando o proceso para rescatar a concesión privada e permitir, desta maneira, que “a área de Vigo teña o hospital cento por cento público que precisa e que foi reclamado con masivas mobilizacións sociais que o PP non quixo escoitar”, concluíu.