COMUNICADO DA EXECUTIVA NACIONAL DO BNG
Pola paz, e a soberanía dos pobos: NON Á GUERRA!
24 de febreiro de 2022 (14:27 h.)
Diante da escalada militar que se está a vivir na Ucraína, desde a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), queremos manifestar:
- Non á guerra! Desde o Bloque Nacionalista Galego (BNG) esiximos o cese inmediato dos combates na Ucraína e a volta á vía diplomática como única vía para a resolución deste conflito e rexeitamos de maneira contundente calquera acto de guerra ou bombardeo de territorio ucraíno.
- Para o BNG a volta á vía diplomática é única vía para a resolución deste conflito. O único camiño é a paz a través dunha a desescalada militar e unha aposta firme polo diálogo e a diplomacia, no marco de organizacións como a ONU ou a OSCE, para lograr solución estábel e duradeira sobre a base do respecto á soberanía dos pobos e a paz.
- Como primeiro paso nesa dirección, esiximos a fin dos bombardeos dos últimos tempos contra a poboación do leste de Ucraína e os que comezaron hoxe no resto do país, así como a retirada de todas as tropas despregadas na zona e o regreso destas aos seus respectivos territorios. Así mesmo, esiximos un compromiso por parte da OTAN de parar a súa ampliación cara o leste europeo e de non incorporación de Ucraína á mesma.
- Demandamos do goberno español neutralidade activa neste conflito e a inmediata retirada das tropas españolas enviadas á zona. Se o estado español quere contribuír á resolución deste conflito debe facelo apoiando e reforzando a vía diplomática.
- Demandamos da Comunidade Internacional que traballe polo restablecemento dun marco de solución dialogada ao conflito de Ucraína coas repúblicas populares de Donetsk e Lugansk, en base aos criterios definidos no Protocolo de Minsk.