Ana Pontón reitera a condena do BNG á invasión rusa e pide a retirada dos tanques
A portavoz nacional, Ana Pontón, reiterou a condena do BNG á invasión de Ucraína e súmase á petición da retirada das tropas rusas, ao tempo que traslada toda a solidariedade co pobo ucraíno.
“A nosa cabeza e o noso corazón están co pobo de Ucraína que está sufrindo unha situación intolerable, e por iso queremos volver dicir non a esa guerra, e dicir que hai que retirar as tropas rusas”, salientou, mentres trasladaba todo o apoio e solidariedade á poboación, “porque as guerras sempre teñen intereses imperialistas detrás, pero o grave é que mentres os imperios gañan, os pobos perden”, recalcou. Desde o BNG se insiste nunha volta á diplomacia como único camiño para lograr a paz.
A líder nacionalista fixo estas declaracións durante a visita ao Carballo do Banquete de Conxo para pedir un último esforzo no proceso de votación e lograr que sexa recoñecido como árbore europea do ano, tendo en conta que, ademais do seu valor natural, ten unha significación vinculada á historia de Galiza significando valores de igualdade, fraternidade e liberdade, “máis necesarios que nunca”.
Pontón tamén fixo referencia á crise do PP, non tanto polo futuro de Feixóo senón polo futuro de Galiza e preguntada por se unha hipotética marcha do presidente do PP galego facilita un cambio político en Galiza, a líder do Bloque evitou entrar nunha anticipación de acontecementos, aínda que si enumerou tres cuestións que, ao seu xuízo, condicionan a decisión de Feixóo.
A primeira, que quere garantías de que Ayuso non será unha competidora porque o que espera é unha “alfombra vermella”; a segunda, que é consciente da debilidade do seu goberno e, a terceira condicionante, “que é plenamente consciente de que hai unha alternativa sólida que é a que representa o BNG, e que se hoxe se convocaran eleccións teño a absoluta certeza, igual que penso que a ten o señor Feixóo e o PP, de que estamos en disposición de disputarlle a hexemonía e a Presidencia da Xunta”, explicou.
Son tres cuestións que condicionan a decisión do presidente da Xunta, indicou, pero os galegos e as galegas teñen o dereito a que se pronuncie xa se opta por Galiza ou por Génova 13, “porque Galiza non é a sala de espera das súa ambicións persoais e merece respecto”, insiste.
A portavoz do Bloque insistiu tamén en que Feixóo deber aclarar a súa valoración sobre os 283.000 euros de comisión recibidos polo irmá da presidenta Ayuso por parte dunha empresa que recibiu contratos a dedo do goberno de Madrid. “Considera ético que se beneficiara deses contratos no peor da pandemia?”, interpelou.
E tamén deber responder, recalcou, “canto tempo pensa seguir facendo esperar os galegos e as galegas para saber se escolle Galiza ou escollo PP”, tendo en conta a situación de crise post COVID, que non atura que dun presidente sen propostas ós problemas do País se sume un presidente ausente, “máis ocupado en tapar a corrupción do PP e en aplacar a guerra interna, non podemos ter un goberno preso das ambicións persoais do señor Feixóo”.