Pedro Sánchez atopará no BNG unha forza disposta a sentarse e a falar, pero tamén un muro firme na defensa de Galiza
Tras a xuntanza do Consello Nacional do BNG, a portavoz nacional, Ana Pontón ao igual que fixera o pasado domingo na noite dos resultados electorais, agradeceu o apoio aos más de 120.000 galegos e galegas que confiaron no BNG para converter o escano de Néstor Rego “no escano de Galiza” e para frear a extrema dereita “antigalega, machista e racista”, en Galiza.
Ante as negociacións que se iniciarán na vindeira semana en Madrid, Pontón recalcou que o BNG dialogará pero advertiu a Sánchez que “dialogar non é compartir con outro un monólogo”. O BNG, será un “muro firme na defensa de Galiza” e apelou a que Sánchez aproveite esta oportunidade porque a cidadanía, augurou , non lle vai regalar “unha terceira”.
O voto do BNG supeditado a unha axenda galega
O resultado do 10N, explicou a nacionalista, deunos unha gran responsabilidade e queremos deixar claro o noso punto de partida cara o debate de investidura.
Ultimamente moitos medios de comunicación fan quinielas sobre cal será a posición do BNG pero a día de hoxe, “non está decidido” porque o noso voto estará “condicionado á receptividade da axenda galega, a poñer freo á involución democrática e contra os recortes de dereitos e liberdades”.
De momento, só sabemos unha cousa, PSOE e Podemos non chegaron a un acordo en Abril porque non quixeron e o que que non foi posíbel durante meses, conséguese en menos de 48 horas, iso si, fixeron falta unhas novas eleccións nas que lle puxeron “unha alfombra vermella á extrema dereita”, criticou.
“O noso enfoque está claro: actuaremos con altura de miras, sen liñas vermellas pero sen dar cheques en branco, e poñendo por diante a axenda galega, a defensa da democracia, dos dereitos e das liberdades”, reiterou.
A partir da semana que vén, empezaremos un proceso que pivotará Néstor Rego e o resultado desas negociacións determinarán a posición do noso voto.
Escenario político galego, o BNG nucleará o cambio no 2020
Para Pontón o resultado electoral do 10n puxo de manifesto que o BNG é a forza política emerxente en Galiza e “imos ir a máis”. A segunda conclusión e que o Partido popular está no segundo peor resultado da súa historia e fronte a isto, “o BNG e a única forza con proxecto de País e sen subordinacións”.
Con estes datos, asegurou a líder nacionalista, “hoxe Feixóo non sería presidente e o PP non gobernaría Galiza, o PP non remonta” e por iso temos que traballar desde hoxe no obxectivo de que se produza un cambio político en 2020. Un cambio que debe nuclear o BNG porque somos a “garantía de que haxa cambio real e non recambio”.
Ante a vindeira convocatoria electoral en Galiza Pontón avanzou que o Consello Nacional aprobou hoxe iniciar o proceso de designación da Candidatura á Presidencia da Xunta. Un proceso no que “é a militancia quen decide” e que culminará a principios do mes de xaneiro.
Temos moitos retos por diante, pero estou certa de que unha vez máis imos estar á altura do que Galiza necesita de nós. Con humildade, con principios e cun sorriso, porque non o esquezades, “o mellor está por vir”.
Néstor Rego, deputado do BNG con capacidade, visión política, rigor e seriedade
A portavoz nacional do BNG concluíu a súa intervención agradecendo a excelente campaña da militancia, colaborador@s, persoas sen carné do BNG e dos candidatos e candidatas e de maneira especial, aos e ás cabeza de lista, Carme da silva, Paco García, Olalla Rodil e Néstor Rego que demostraron a capacidade do nacionalismo.
Grazas a este traballo colectivo conseguimos un obxectivo importante, “Galiza volve a ter voz propia” e resulta unha garantía que a nosa voz sexa unha persoa como Néstor Rego pola súa capacidade, visión política, rigor e seriedade. “Néstor, vas ter moito traballo, pero que saibas que imos estar todas e todas empuxando ese escano que é o escano de Galiza”.