O peche dos aeroportos galegos non é a solución
O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, rexeitou hoxe o peche dos aeroportos galegos porque esa non é a solución, senón o que hai que facer é coordinalos para que haxa unha xestión integral dos mesmos e non compitan entre si.
Jorquera preguntoulle á ministra de Fomento, Ana Pastor, se consultou a súa decisión de pechar aeroportos coas agrupacións locais do PP da Coruña, Vigo e Santiago.
As súas opinións serían clarificadoras para comprobar se a proposta de Ana Pastor ten unha base real, subliñou.
Estamos por un sistema aeroportuario galego que non dependa de Madrid e poda competir con Porto
O candidato nacionalista á presidencia da Xunta asegurou que o problema dos aeroportos galegos non é de falta de infraestruturas, é a escaseza de voos e que moitas veces compiten entre si, o que leva a que o gran beneficiado sexa o aeroporto de Sá Carneiro.
E ante este problema -engadiu- a solución que defende o BNG dende xa hai anos é que se supere o modelo aeroportuario radial, no que todas as conexións teñen que pasar por Madrid, e que se diversifique e se especialice a oferta de voos dos tres aeroportos galegos, o que fai necesaria unha xestión integral dos mesmos.
Pechar os aeroportos galegos non é a solución, porque non vai á raíz do problema, concluíu.
http://youtu.be/dLfioxqhU_w