Paz recoñece o "mérito" de Gallardón para poñer a todo o mundo en contra do taxazo xudicial
A deputada rexeitou a emenda do PP que defendía seguir mantendo as taxas e eliminar o dereito á tutela xudicial.
A portavoz de Xustiza do BNG, Tereixa Paz reclamou hoxe, a través dunha Proposición non de lei, rexeitar dende o Parlamento galego a lei que regula as taxas no ámbito da administración de Xustiza e do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias forenses.
Paz afirmou que, o grande mérito do Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón foi poñer a todo o mundo, fiscais, xuíces, avogad@s, procurad@res, traballadores e traballadoras da administración de xustiza e cidadanía contra as taxas xudiciais.
Taxas que merman a tutela xudicial
Na defensa da súa iniciativa, rexeitada cos votos do PP, na Comisión 1ª celebrada hoxe no Parlamento galego, a parlamentaria pediu a derrogación dunha lei que , impón un modelo que só garante o dereito de tutela dos xulgados a persoas con recursos e exclúe dos tribunais aos que non teñen cartos.
A nacionalista insistiu na necesidade de preservar os dereitos e intereses da cidadanía e rexeitar a merma na tutela xudicial das novas taxas e cualificou de demagóxica a emenda presentada e defendida pola deputada do Partido popular, Paula Prado que negou a falta da asistencia xurídica por falta de recursos e xustificou as taxas para desatascar a vida xudicial.
O PP utiliza as taxas para eliminar o dereito á xustiza dos máis febles
A parlamentaria do BNG criticou as afirmación da deputada conservadora e puxo como exemplo unha familia cuns ingresos de 1.400 euros que ante un proceso ordinario debe abonar entre 4.000 e 5.000 euros se quere recuperar unha contía económica seguramente inferior as taxas que debe pagar.
Paz considerou que no caso exposto, o dereito desa familia non está garantido, vostedes sempre viven en realidades paralelas, e o peor, dixo, é que o Partido popular pretende ademais criminalizar ás persoas máis febles, xa o tentaron pechando o parlamento a todos os galegos e galegas e por riba, concluíu, pretenden aplicar unhas taxas inxustas e discrimatorias coa escusa de axilizar a xustiza.