Paz: O culpable é quen prende lume pero hai políticas incendiarias do PP
A deputada do BNG, Tereixa Paz acusou á Conselleira de Medio Rural de minimizar o problema dos incendios e buscar sempre culpábeis alleos á Xunta de Galiza
Pleno-Tras a comparecencia da Conselleira de Medio Rural, Rosa Quíntana para informar dos incendios forestais durante o verán, a portavoz de Montes do BNG, Tereixa Paz afirmou que o culpable e quen prende lume pero tamén hai políticas incendiarias practicadas polo Partido popular.
Para a deputada nacionalista, hoxe a conselleira perdeu a oportunidade de responder a preguntas chave sobre políticas de incendios reducindo o problema dos lumes á ladaiña dun problema de orde pública e existencia de incendiarios cando en realidade, afirmou, desde que vostedes chegaron ao Goberno, cada ano incrementase a superficie queimada.
O PP segue instalado na propaganda e negando o drama dos incendios
A nacionalista preguntou porque este ano houbo tantos incendios decretados co nivel 1 que afectaron gravemente ás vivendas e aos bens de centos de veciñas e veciños en diferentes comarcas galegas, vostedes, dixo, seguen na propaganda e seguen sen explicar o acontecido durante o mes de agosto.
Tereixa Paz recoñeceu que a existencia da seca,o calor e o vento favoreceron os incendios e por primeira vez, o Partido popular recoñece que as condicións meteorolóxicas inflúen, hai incendiarios, replicou, pero tamén hai o que vostedes practican que son as políticas incendiarias.
A parlamentaria asegurou que o Partido popular négase a falar de modelo produtivo, de desorde en Galiza ou de políticas de xestión do monte e desenvolvemento rural e agraria, causas, ao seu xuízo, estruturais que provocan o divorcio entre a veciñanza e o monte.
Si analizamos os datos históricos dos incendios, explicou, demostran que nos lugares onde non hai actividade agraria nin humana é onde se producen e reiteran os incendios forestais.
Galiza gran prexudicada no deseño da forestal
A política forestal deseñada polo Goberno do Estado a mediados do século pasado, engadiu encamiñouse a repoboar Galiza e enchernos dunha política forestal orientada a favorecer os intereses das multinacionais españolas e a pasta de papel no pasado e agora á implantación dos cultivos enerxéticos de crecemento rápido.
Un deseño político do que o Partido popular participa de maneira entusiasta como demostra a Lei de Montes, para o Partido popular, o monte non existe para vostedes só existe o monte na súa vertente forestalista convertendo a Galiza nun auténtico polvorín.
O PP rexeita as recomendacións dos expertos en políticas de xestión de montes
A parlamentaria acusou ao Partido popular de autista político por desprezar ás organizacións ecoloxistas, sindicalistas, expertos, todo o mundo que lle está a dicir que a súa política é errada.
Finalmente, Tereixa Paz agradeceu o labor dos integrantes do dispositivo de loita contra o lume pero criticou a tardanza da Xunta na súa posta en marcha ao igual que o publicitado sistema escalonado que motivou a insuficiencia de medios para atallar grandes incendios.