Olalla Rodil: “A propaganda do PP nos hospitais e nos centros de saúde non curan nin salvan vidas”
Tras a Xunta de portavoces para elaborar a orde do día do vindeiro pleno, a viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil lamentou que unha vez máis, o Partido popular impedirá a comparecencia do conselleiro de Sanidade para explicar o falecemento dunha persoa na localidade de Dozón, despois de agardar máis de 45 minutos por unha ambulancia do 061. A propaganda, afirmou Rodil, non soluciona os problemas e por “máis carteis que a Xunta de Galiza pague para poñer nos hospitais, os carteis non curan enfermos nin salvan vidas”.
Rodil anunciou que o BNG centrará a maior parte das súas intervencións nos graves problemas da sanidade pública galega e avanzou que a portavoz nacional, Ana Pontón formulará a pregunta ao Presidente da Xunta tamén neste sentido porque, lonxe de mellorar a situación, agrávase. “Agrávanse as listas de agarda, a precariedade laboral, a sobrecarga dos e das traballadores, a falta de persoal en moitos centros de saúde” e as consecuencias págaas o conxunto da sociedade galega que padece os recortes e privatizacións.
Rodil insistiu en que as consecuencias da política sanitaria do Partido popular son dramáticas como coñecemos onte mesmo co falecemento dun home en Dozón que puxo de manifesto a falta de medios sanitarios en moitas comarcas do país. “A ambulancia tardou máis de 45 minutos en chegar”.
Na comarca do Deza, explicou a deputada, só hai 3 ambulancias non medicalizadas, para cubrir máis de 1.700 km cadrados de territorio.
Levamos anos reclamando que se dote de máis medios a comarca do Deza-Tabeirós e sen ir máis lonxe, desde o BNG reclamámolo no último concurso do 061 e o Partido Popular na Xunta de Galiza opúxose.
Hoxe desde o BNG, xunto coas demais forzas da oposición, solicitamos a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade para abordar os feitos que provocaron a morte dun home que agardou máis de 3 cuartos de hora por unha ambulancia.
“O PP vetou a solicitude. O mesmo que fixo cando faleceu un doente no PAC da Estrada”. Desde o BNG imos preguntarlle Feixóo “que máis ten que pasar para que o seu goberno rectifique os recortes e privatizacións que están poñendo en risco a vida e a saúde das persoas”.
A XUNTA ENTREGA UN MILLÓNS DE EUROS A POVISA
Noutra orde de cousas, Rodil anunciou que o BNG defenderá unha moción para que a Xunta “merque o hospital de POVISA” e sexa integrado na rede sanitaria pública galega.
É preciso blindar o carácter público da sanidade, remarcou a nacionalista que cualificou de “inadmisible” que se entregue a un fondo de capital estadounidense un centro hospitalario que atende a 139 mil persoas. O fondo de capital só busca facer negocio coa saúde e a Xunta demostrou a súa complicidade ao entregarlle “un millón de euros” para que Povisa continúe “engordando os beneficios do concerto”.
O BNG PIDE UNHA COMISIÓN PARA ABORDAR O PROBLEMA DO XABARIL
Finalmente, a viceportavoz tamén aludiu á solicitude para crear unha comisión parlamentaria sobre os graves problemas que está a ocasionar o xabaril e de maneira especial, no sector agrogandeiro. As perdas económicas polos danos desta especie son enormes e mentres isto acontece a Xunta de Galiza só responde “a golpe de improvisación”.
Desde o BNG queremos que se aborde con seriedade e rigor científico o problema do xabaril aplicando medidas axeitadas máis alá de permitir a caza en 33 concellos calquera día da semana.
Fan falta máis que escopetas e o que vemos é que a Xunta de Galiza é incapaz de estar á altura das circunstancias por iso cremos que o Parlamento debe actuar, concluíu.