Olalla Rodil: “A crise económica da pandemia non golpea a toda a poboación por igual”
A través dunha interpelación ao goberno, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil afirmou que “a crise económica provocada pola pandemia non golpea a toda a poboación por igual” e a crise da Covid non tivo o mesmo impacto “na clase traballadora que nas grandes fortunas”. “Mentres as estimacións apuntan a un incremento da pobreza, que alcanzou en 2020 a 60.000 galegas e galegos máis; os ricos dispararon o beneficio dos seus investimentos no medio da crise”, afirmou a nacionalista.
Por outro lado, “a crise económica non afecta igual a todas as clases sociais pero ademais, na clase traballadora tamén diferencia entre homes e mulleres”. Neste sentido, dixo, o BNG quere facer unha reflexión para introducir a “perspectiva de xénero” e comprender porque a pandemia da COVID ten un impacto “máis duro” neste colectivo.
Para falar desta cuestión, argumentou temos un exemplo claro no informe enviado pola consellería de Emprego e Igualdade á Comisión de reactivación. “Ningún dato, referencias vagas a documentos internacionais e ningunha medida concreta sobre Galiza. Agardo que hoxe, inqueriu a deputada, a conselleira aporte algún dato máis a esta interpelación e confirme se teñen feito esta reflexión no que vai de ano.
Non estamos ante algo “baladí”, porque a crise actual constata “unha involución, un retroceso que supera o aspecto económico”. Esta crise, non só empeora as condicións materiais de vida das traballadoras reforza “os roles de xénero tradicionais, patriarcais e machistas” como o de nai-coidadora
Destrución do emprego femenino
Segundo os datos da EPA, explicou a deputada do BNG, case 8 de cada 10 postos de traballo destruídos en 2020 estaban ocupados por mulleres. A onde foron? Ao paro? Non. Esa caída na ocupación das mulleres é case idéntica ao incremento da taxa de inactividade. Pasan a dedicarse, en grande medida, aos “labores do fogar”. Unhas 10.200 mulleres máis, aproximadamentem que en 2019, segundo a EPA, para facernos unha idea gráfica, é o equivalente á poboación do concello de Foz.
Desde finais dos anos 90 e coa incorporación masiva de mulleres ao mercado laboral, a tendencia foi incrementar a taxa de actividade das mulleres e a achegala á dos homes. Mesmo na crise financeira de 2009 que foi, precisamente, na que se produce un maior acercamento, “eramos máis iguais na desigualdade”.
Parafraseando a filósofa e feminista francesa Simone de Beauvoir, a deputada lembrou unha das súa citas, “bastará unha crise económica, política ou relixiosa para que os dereitos das mulleres sexan cuestionados” e engadiu que as actuais políticas provocan que as mulleres asuman por enteiro o traballo de coidar e evidencian que “a corresponsabilidade non é real”. Aparece nas leis pero “non existe”, sentenciou.
As mulleres teñen peores condicións laborais, maior temporalidade e os sectores con maior ocupación son os máis precarios, servizos, hostalaría, comercio…ademais de “lagoas nas cotizacións que repercuten moi negativamente nas futuras pensións”, recalcou.
Rodil tamén denunciou a fenda salarial xa case “normalizada” cunha diferencia do 21% nas distintas franxas de idade entre homes e mulleres.
Tras a intervención da consellaría de Emprego e Igualdade, a nacionalista replicou que estamos ante un escenario que precisa políticas que pensen no futuro e afonden na “conciliación”. O 91, 6% das excedencias por coidados de fillos e fillas en Galiza son solicitadas por mulleres e o 87% de traballadoras inactivas para coidados de crianzas e persoas dependentes son tamén mulleres. Para cando políticas pensadas para impedir que as mulleres se vexan obrigadas a asumir roles patriarcais e machistas? Que vai pasar coas mulleres máis novas que se incorporan ao mercado laboral? Non podemos permitir “unha involución” que nos leve a 50 anos atrás e que consolide a desigualdade. O Goberno ten que traballar para mudar as condicións laborais das traballadoras do fogar, da residencias, das investigadoras, gandeiras, caixeiras de supermercado, etc. concluíu.