En pleno debate do modelo territorial, o BNG considera vital que Galiza teña unha posición propia e propón unha reforma total tanto do sistema de financiamento autonómico, -como única maneira de evitar seguir drenando recursos cara o burato negro de Madrid-, como do actual modelo de Estado.
Na xornadas organizadas pola USC baixo o título A articulación territorial do Estado, o portavoz nacional, Xavier Vence, subliñou que a estratexia de recentralización imposta polo Goberno central do PP rompeu os equilibrios básicos no reparto das competencias e crea unha situación cada vez máis insostible, reducindo o autogoberno do país.
Vence advertiu neste foro que hai que reconsiderar a posición de Galiza no debate territorial no Estado español. Galiza non pode estar silenciosa e non podemos estar obedecendo as consignas políticas de Madrid. Deberíamos estar falando cunha soa voz, para colocar os intereses de Galiza no mapa territorial español e europeo, e iso pasa por un cambio no posicionamento político de Galiza e do seu goberno.
Neste contexto, é necesario mudar o marco de financiamento e o modelo de Estado, hai que reducir o tamaño do Estado central que se está convertendo nun burato negro que non só non axuda a crear riqueza senón que drena recursos para os grandes lobbies madrileños, explicou.
O dirixente nacionalista foi claro ao afirmar que, neste momento, Galiza perde recursos e mesmo está contribuíndo con máis recursos dos que recibe do Goberno central, pese a ter un nivel de renda máis baixo ca media. A razón que explica esta situación é que o Executivo de Rajoy destina cada vez máis recursos a rescatar os grandes lobbies madrileños da banca, das eléctricas, das construtoras, das concesionarias de grandes servizos, e cada vez menos ao financiamento autonómico.
Cupo galego
Madrid tense convertido nun auténtico burato negro que impide o normal funcionamento do noso autogoberno, denunciou Vence, de aí a necesidade de camiñar cara un maior autogoberno, que deben vir da man dunha plena autonomía fiscal.
O BNG propón ter plena autonomía fiscal para xestionar directamente os impostos que se recadan no noso país e poder financiar as nosas políticas de desenvolvemento económico, industrial, de I+D+i, de apoio ao ensino, para manter os servizos públicos en boas condicións, e resolver os graves problemas sociais que temos, argumenta.
O que o BNG considera inadmisible e que Galiza sega a perder recursos cara Madrid a costa de reducir a nosa capacidade de crer emprego e de reducir a nosa capacidade para afrontar os problemas que ten o país, subliñou. Por iso propoñemos unha reforma completa do sistema de financiamento autonómico para camiñar cara a plena autonomía fiscal.
Vence pediu a Feijóo que saia da súa guarida e explique os problemas que se derivan para Galiza do actual sistema de financiamento que aplica o PP. Que diga como quere que Galiza financie no futuro as políticas de desenvolvemento social, porque con este modelo do que é cómplice, Galiza non ten futuro, advirte.