No novo escenario estatal Galiza ten que recuperar o peso político perdido cunha axenda propia de país
Ana Pontón a Feixóo: “O que provoca un escenario incontrolado é a súa traizón sistemática aos intereses deste país pola súa submisión a Raxoi”
AP-9, derrogación da prórroga de Ence e tarifa eléctrica, cuestións inmediatas desa axenda galega a defender en Madrid
O BNG expresa a súa satisfacción polo triunfo da moción de censura pois era “democraticamente inadmisible” que un partido condenado por corrupción seguise no Goberno asentado a idea de impunidade, e critica que o “curtopracismo e os intereses partidarios” da esquerda estatal non desen antes o relevo na Moncloa.
“Desde o BNG compartimos a sensación de moitas galegas e galegos: satisfacción porque non goberne Mariano Raxoi, aínda que non nos entusiasme nin nos vexamos representadas nin no PSOE, nin en Pedro Sánchez”, declarou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen alertou da ausencia de Galiza nun debate transcendental.
Por iso urxe aproveitar o novo escenario para que o país volva recuperar peso político no Estado impulsando unha axenda propia, pois a submisión de Feixóo a Madrid e subordinación ás forzas políticas estatais foron unha combinación letal para Galiza, desaparecida pese ao seu rango de nacionalidade histórica.
“Este debate constatou o que levamos tempo denunciando, que a submisión de Feixóo a Raxoi conducía á irrelevancia política”, subliñou Pontón, para quen “esta irrelevancia política é hoxe o maior risco de futuro, mentres os pobos vascos e catalán avanzan e poñen en marcha as súas propias axendas, Galiza está muda e ausente, perdendo oportunidades e subordinada aos intereses das forzas estatais”.
Por iso, o BNG propón unha axenda galega a defender de inmediato ante o Estado empezando con tres demandas: Levantar o veto á transferencia da AP-9 como paso previo contra a estafa das peaxes, poñer fin á “inmoral” prórroga de Ence e unha tarifa eléctrica similar á que ten Euskadi e lle permite un aforro de 50M€.
Pontón destacou o papel fundamental das forzas nacionalistas no triunfo da moción e atribúe a esa capacidade de ser clave a campaña da dereita, -“tanto da azul como da laranxa”-, contra o nacionalismo.
Forzas nacionalistas, claves para a rexeneración
“Cada día é mais claro que o proceso de criminalización que impulsou a dereita española contra as forzas nacionalistas é precisamente porque sabe que somos a clave para evitar a consolidación dun proxecto centralista e regresivo no Estado, porque sabe que é o nacionalismo quen pode abrir un proceso de rexeneración e de ruptura democrática que deixe atrás o réxime do 78”, argumentou a dirixente do BNG.
De feito nin a caducidade dese réxime nin o debate sobre a corrupción conclúen coa caída de Raxoi, e por iso o Bloque volve propoñer a comparecencia de Feixóo, para que dea a cara polos casos de corrupción do seu partido, “porque non se pode esquecer que a trama Gürtel naceu en Galiza”.
Dar a cara no Parlamento
Un Feixóo ao que Pontón replicou sinalándolle o que considera un “escenario incontrolado”: “O escenario incontrolado non é sacar a un PP condenado por corrupción do Goberno do Estado, o escenario incontrolado é ter a corrupción instalada na cúpula do partido que goberna en Madrid e en Galiza, escenario incontrolado é o que provoca a submisión de Feixóo a un Raxoi que mentiu ante a Xustiza, é traizoar sistematicamente os intereses deste país para maior gloria do PP, mesmo se hai que tapar a súa corrupción”.
Para o Bloque ábrese un escenario político complexo que esixe diálogo, altura de miras e decisión para frear a involución democrática, polo que considera urxente derrogar a Lei mordaza, as reformas laborais ou a LOMCE, “e é imprescindíbel substituír a política represiva por unha nova etapa que poña fin a existencia de presos políticos pola defensa das súas ideas”, concluí.