O BNG aplaude o éxito dunha moción de censura que permite desaloxar a corrupción do PP do goberno
Ana Pontón salienta o papel chave das forzas nacionalistas e soberanistas no desaloxo de Raxoi e lamenta que Galiza non tivese voz propia no debate
O BNG aplaude o éxito da moción de censura presentada polo PSOE porque permite desaloxar do Goberno do Estado a un Partido Popular condenado por corrupción e retirar da Presidencia a un xefe do Executivo que mentiu ante a Xustiza.
“Desde o BNG saúdamos que finalmente saia adiante a moción de censura contra a corrupción do PP”, recalcou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen nesta primeira valoración de urxencia salientou o papel decisivo das forzas nacionalistas e soberanistas. “Parabenizámonos de que estas forzas sexan chave para que esta moción poda triunfar e non siga á fronte das institucións do Estado un partido condenado por corrupción, que saqueou as arcas públicas e que tiña unha caixa B”.
A dirixente do Bloque tamén chamou a atención sobre o feito de que o debate da moción de censura puxo en evidencia o protagonismo e o peso a nivel de Estado de Euskadi e Catalunya a través da súas forzas políticas propias, en contraposición coa total ausencia de Galiza.
“Desde a perspectiva galega, esta moción debe facernos reflexionar sobre o papel relevante xogado por Euskadi e Catalunya pero bótase de menos que, neste contexto, Galiza non tivese unha voz propia que aportar a este proceso político e que, ao mesmo tempo, este proceso teña consecuencias desde o punto de vista dos avances que precisa o noso país”, argumentou Pontón.
A portavoz nacional lembrou que para o Bloque o éxito da moción é condición necesaria para a rexeneración democrática, pero non suficiente.
“Agora é clave que no novo contexto se poña fin á involución democrática e ao roubo de dereitos, que se abra un espazo político a nivel de Estado que avance no recoñecemento dos pobos, das nacións sen Estado, e avanzar para deixar atrás tanto a corrupción como o declive no que está o réxime do 78”, conclúe.