Novas necesidades de capitalización de NGB: a única alternativa, banca pública galega

 

Ante as novas necesidades de capitalización de Novagaliciabanco -precisaría 4.500ME máis para se sanear, segundo anunciou o subgobernador do Banco de España hoxe no Congreso- o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirma que “a única alternativa é avanzarmos cara a unha Banca Pública Galega”.

“Ou imos a unha banca pública galega ou Novagaliciabanco desaparecerá como tal, ou ben absorbida por Bankia ou ben comprada a prezo de saldo polo gran capital internacional”, reflexiona o portavoz nacional.

A estratexia do PP de “nacionalizar para privatizar” acabará con Novagaliciabanco “en mans foráneas

O líder nacionalista non partilla en absoluto a estratexia do Goberno español de “nacionalizar para privatizar”, porque iso significa “que o pobo pague as facturas para que logo os beneficios vaian a petos privados”. “Nacionalizar para privatizar é unha estratexia que terá como resultado que Novagaliciabanco acabe en mans foráneas”, engade.

Guillerme remarca que neste momento é máis urxente que nunca “que se constitúa unha Comisión de Investigación no Parlamento galego para depurarmos as responsabilidades pertinentes pola desastrosa xestión técnica e tamén política que ten conducido ao desaparecimento do sistema financeiro galego”.

O portavoz nacional considera que a responsabilidade política no desastre de Novagaliciabanco atinxe “clarisimamente” a Feijóo por non ter sabido liderar a defensa do aforro galego e por ter colaborado no deseño que conducirá a Novagaliciabanco á súa desaparición como entidade galega con centro de decisión en Galiza.