O noso país non pode permitirse perder catro anos máis, co BNG Galiza terá voz propia no Congreso
No acto de presentación do candidato do BNG á alcaldía de Trazo, Rego afirmou que o equipo encabezado por Cesar Boquete é o mellor aval para mudar o rumbo do concello
O candidato á alcaldía de Trazo destacou a “ilusión, ideas e traballo” dun equipo capaz de transformar o concello no mellor lugar para vivir
O cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Néstor Rego participou hoxe no acto de presentación do candidato á alcaldía de Trazo, Cesar Boquete.
Rego afirmou que “o noso país non pode perder catro anos máis e co BNG, Galiza terá voz propia no Congreso”. Perder catro anos máis, recalcou o candidato, e perder “oportunidades, investimentos e melloras nas condicións de vida das persoas”. O candidato do BNG ao Congreso explicou que os galegos e galegas sabemos moi ben o que dan de si as “forzas de obediencia española” que prometen pero logo incumpren e se esquecen sistematicamente de Galiza. Nesta liña, asegurou que o mellor exemplo foron os orzamentos do estado. Unhas contas, dixo, pactadas entre Podemos e En Marea co PSOE e que resultaron ser os “peores orzamentos e investimentos”, con pouco máis de 750M€ en 17 anos.
“Non podemos confiar nas forzas estatais”, e só “unha forza galega como a do Bloque Nacionalista galego vai levantar a voz para defender o xusto e o que nos corresponde como galegos e galegas”.
O candidato pediu o apoio dos veciños e veciñas do concello de Trazo para que nos próximos anos, “os intereses sociais, nacionais e de todos os galegos e galegas teñan presenza no debate político do estado”. Isto, dixo, será posible co BNG no Congreso.
Ao igual que o vindeiro 28A decidiremos ter voz propia e colocar a Galiza co papel que merece no Estado, o 26 de Maio tamén temos a oportunidade de elixir ao BNG para dirixir o concello de Trazo con Cesar Boquete e unha equipa con proxecto e capacidade para transformar o concello. Concluíu.
CESAR BOQUETE PIDE MIRAR PARA OS CONCELLOS GOBERNADOS POLO BNG COMO AVAL DO TRABALLO BEN FEITO
O candidato á Alcaldía de Trazo, César Boquete destacou a “ilusión, ideas e capacidade de traballo da candidatura do BNG” para mudar o concello e convertelo no mellor lugar para vivir porque o BNG, explicou, puxo “no mapa” concellos dos que ninguén falaba”. Boquete pediu aos asistentes que pensaran en Muras, Mazaricos, Carballo, Tomiño, Allariz ou Pontevedra, referentes todos eles en Galiza e gobernados polo BNG con políticas innovadoras e dirixidas aos veciños e veciñas.
“Nós queremos facer de Trazo un concello transparente, participativo,
un concello dinámico, inclusivo, con mellores comunicacións e con máis servizos. Un concello atractivo para a xente nova, cómodo para a xente maior. Un concello do que se poida presumir” e para facer todo isto, contamos cos mellores e as mellores, entre os que destacou a Xosé María Fernández Piñeiro, Chicho, afamado hostaleiro en Santiago e Teo, María Carreira Noya, a benxamina da candidatura. Estudante, futbolista, feminista e coas ideas moi claras ou con Martín Rei Leis, concelleiro do BNG durante os últimos catro anos.
As persoas que estades aquí coñecédesnos a todos e todas e esperamos contar desde hoxe coa vosa confianza para que nos acompañades até o día das eleccións facendo vosa esta candidatura e colaborando para que outra xente confíe nela e nos dea o seu apoio. Desde o goberno ou desde a oposición, “queremos seguir contando con vós porque todos e todas somos necesarios para cambiar Trazo”, concluíu.