Galegas 2020

Noa Presas: “A mocidade ten que ser o motor do cambio político neste país”

Ourense
Ourense

A cabeza de lista do BNG chama á mobilización da xente máis nova para rematar con once anos de “case extinción” gobernados polo PP de Núñez Feijóo e Baltar en Ourense

Plan Retorna, rematar coa precarización, favorecer a emancipación temperá a prezos xustos: son algunhas das medidas para a mocidade que propón a formación nacionalista

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, participou nun encontro con mocidade da cidade de Ourense para trasladar as propostas da organización nacionalista entre a xente máis nova. Comprometeuse a “abrir un tempo novo para a mocidade” e animándoas a que sexan elas o motor do cambio político galego o vindeiro 12X. Destacou a fin da precarización xuvenil e o impulso de medidas para vivenda e o Plan Retorna como piares fundamentais para a xuventude para o programa da formación nacionalista.

Na xuntanza, as asistentes mostráronse convencidas de que a mocidade vai ser o motor de cambio neste 12X que Ourense e que Galiza precisa. Pola súa banda, a cabeza de lista apelou “a esa mocidade rebelde que non se resigna”. Tras once anos de mandato do Partido Popular “o que vimos é que a mocidade case se converteu nunha especie en perigo de extinción e Ourense”.

Desde o BNG queren “abrir un tempo novo” no que a mocidade sexa “un motor na nosa vida e un motor do cambio político neste país”. Propoñen desenvolver políticas activas co obxectivo de asentar poboación nova en Ourense e desenvolver o seu proxecto vital aquí. Presas destacou o Plan Retorna formulado polo BNG “para que volva o talento investigador e que iso poida ter unha sinerxía tamén co Campus de Ourense con programas de investigación que rematen coa precarización do sector”

Asemade, propoñen un plan específico de emprego xuvenil e axudar a combater a precariedade que “a día de hoxe lles invade” con exemplos “claros” e básicos como que “a Xunta de Galiza non colabore nin contrate a ETT”. O obxectivo é conceder preferencia á inserción laboral nos sectores estratéxicos da nosa economía, asegurando un relevo xeracional e garantir unha Galiza viva e equilibrada no territorio. A isto, súmanselle outras cuestións máis transversais en todos os eidos, potenciando a formación do profesorado, das profesionais da saúde, as traballadoras públicas e introducir cláusulas de igualdade nos contratos públicos.

No eido da vivenda, e ante as dificultades que ten a mocidade para poder independizarse, Presas sinalou a proposta de “crear un fondo social de vivenda para que todo o mundo poida independizarse a unha idade temperá a prezos xustos e poder combater tamén o abandono de partes importantes” como son os cascos vellos da cidades e vilas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG