Noa Presas defende “o voto particular do BNG “ ao Ditame da comisión de estudo da Igualdade por carecer de compromisos reais
A deputada do BNG, Noa Presas defendeu hoxe o “voto particular” ao Ditame da comisión de Estudo da Igualdade e para os dereitos das mulleres por considerar que “non supón ningún compromiso diferente aos recollidos na Lei”, e polo tanto, “carece de compromisos reais”. O voto particular do BNG foi rexeitado polo grupo maioritario do Partido popular. O ditame emitido pola comisión non permanente de Estudo da Igualdade foi aprobado cos votos do PP e a abstención de todos os grupos da oposición.
Presas lamentou a negativa do Partido popular a incluír as emendas do BNG ao ditame entre as que destacou, destinar o 1% dos orzamentos para a loita contra a violencia machista. A deputada replicou a portavoz popular, Paula Prado que non é posible pedir consenso e votar a favor dun plan de traballo no ao 2014 e 2017 e ao tempo, permitir o seu incumprimento. Vostedes, dixo, pretenden que o BNG “non poña ningún reparo” pero a cuestión, explicou é que o obxectivo era avaliar o cumprimento da lei de violencia machista e “non se cumpriu”. Esa avaliación, afirmou “só está no voto particular do Bloque nacionalista Galego”.
A nacionalista volveu a defender a figura “do feminicidio”, unha figura, explicou, que foi cuestionada por algunha das comparecentes na comisión de estudo da violencia machista porque discriminaba ás persoas trans. Sería o colmo, ironizou, que a forza política que votou en contra da Lei Trans proposta polos colectivos galegos agora pretenda acusar ao BNG de Transfobo por defender o feminicidio.
Nós, engadiu Noa Presas, “abstémonos porque houbo un esforzo por parte de todas as partes para buscar un texto co maior consenso e continuar nesa liña, e aí teranos vostedes” pero reclamou da Cámara galega non facer seguidismo do pacto estatal porque “non foron cumpridos os compromisos económicos e tres anos despois, seguimos exixindo que sexa asumida unha definición máis ampla de violencia machista”. Temos que pensar na nosa propia historia e avanzar a partir dos acordos do ano 2007, “aí tamén terán vostedes ao BNG”, reiterou.
A deputada lembrou que no 2017, o BNG defendeu unha moción para un “gran pacto de loitar contra a violencia machista” e afeou ao Partido popular que nesta ocasión non asumira a emenda para comprometer nun prazo de dous meses “orzamento, planificación e mecanismos de seguimento”. O BNG, “non terá ningún problema en votar co partido maioritario do PP si este pon enriba da mesa un cambio e un compromiso real” e volveu a emprazou a portavoz do Partido popular, Paula Prado a comezar a traballar polo “pacto galego”.