Néstor Rego: "A situación nas Pontes é crítica, urxe a posta en marcha do Convenio de Transición Xusta"
O deputado, Néstor Rego, reuniuse co comité de crise das Pontes para trasladarlle as medidas alcanzadas no acordo que o BNG conseguiu no Congreso dos Deputados.
“Xa non é unha cuestión de urxencia, senón de máxima urxencia para atender unha situación que se vén arrastrando dende fai meses, e por tanto, cada semana que pasa vaise agravando máis” contestaba Néstor Rego aos xornalistas.
Esta maña o deputado Néstor Rego achegouse ata As Pontes para reunirse co comité de crise de Endesa e trasladarlle as medidas alcanzadas no acordo de investidura que o BNG logrou no Congreso dos Deputados.
Apunta o deputado nacionalista que estas son unhas medidas precisas para comezar a resolver a situación de crise xerada polo anuncio do cesamento de ENDESA e fai fincapé no compromiso do goberno de facer as modificación normativas e lexislativas necesarias para que Galiza sexa incorporada cos mesmos dereitos en que xa están outras comunidades como Asturias, Aragon ou Castela e León aos plans alternativos de centrais pechadas. Dende o BNG espérase que “nun prazo de seis meses se asine un convenio de transición xusta para As Pontes” e do mesmo xeito “que ese convenio de transición xusta incorpore as partidas orzamentarias necesarias para garantir que vai haber novas actividades e que vai haber tamén emprego nesta vila e na comarca”.
Durante a xuntanza co comité de crise, tamén se abordou a necesidade de que maneira inmediata se poña en marcha esa mesa de traballo con todas as partes implicadas onde estean o Goberno central, a Xunta de Galiza, o Concello das Pontes, mais tamén a parte social como os sindicatos, a empresa e todos os colectivos afectados. Para seguir de preto como se van articulando ese convenio de transición xusta e como se van habilitando medidas que lle dean solución, especialmente á industria auxiliar.
“Isto pódese facer xa de maneira inmediata e dende logo o noso compromiso vai ser traballar para que haxa solucións o antes posíbel para As Pontes” afirmaba Néstor Rego.
RELACIONADO: