Néstor Rego reúnese co sector do transporte para trasladarlles o contido do acordo de investidura sobre a AP-9
O deputado Néstor Rego reuniuse con diversas asociacións de transportistas, tanto de empresas de transportes de viaxeiros como de mercadorías, para presentarlles o acordo de investidura alcanzado polo BNG, mais sobre todo, o que ten que ver coas peaxes da AP-9.
Para o BNG o acordo é esencial para rematar cunha situación de agravio comparativo do noso país, como de inxustiza que a maiores lastra o desenvolvemento económico. “A AP-9 é unha vía central no que é o eixo fundamental de desenvolvemento económico do país, que é o eixo atlántico.” apuntaba o deputado. Destacou tamén “que os custos asociados á utilización desta vía de alta capacidade, supón un incremento dos custos para moitas empresas, sexan de distribución como de produción, afectando negativamente á competitividade.”
Néstor Rego lembra que o acordo inclúe incorporar a AP-9 aos esquemas de bonificación das autoestradas que teñen concesións de longa duración. E como mínimo aplicarase unha bonificación do 100% para usuarios e usuarias recorrentes que empreguen a autoestrada como mínimo dúas veces ao día, todos os días da semana e para todo tipo de usuarios e usuarias, profesionais e particulares. En segundo lugar, o Estado farase cargo ao longo da lexislatura do importe dos convenios asinados polo PSOE e PP nos anos 2011 e 2013, no que se realizaron obras de ampliación.
Dende o BNG valórase moi positivamente este acordo para a totalidade da poboación galega, que verá mellorada a súa mobilidade, pois non só beneficia a empresas, tamén a usuarios e usuarias que na súa gran maioría utilizan esta vía por motivos laborais.
RELACIONADO: