Néstor Rego: “Apoiaríamos os Orzamentos a cambio da intervención pública de Alcoa”
O BNG anuncia a “abstención crítica” tras unha negociación “decepcionante” co executivo estatal, que mostrou falta de vontade para mellorar o investimento na Galiza
O deputado lamenta a oportunidade perdida de tratar a Galiza e as clases populares de maneira xusta co rexeitamento de PSOE e UP a mellorar o Proxecto de Orzamentos
O Bloque Nacionalista Galego anuncia a súa “abstención crítica” no Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 e cualifica de “decepcionante” o proceso de diálogo e negociación co executivo estatal. Denuncia a falta de vontade de PSOE e UP para garantir un maior investimento na Galiza- sobre todo en materia de infraestruturas-, para atallar a crise industrial e para profundizar en políticas sociais e fiscais máis xustas. Así mesmo, o deputado do BNG avanza que seguirá traballando “con coherencia na defensa dos intereses da Galiza, das clases populares e das maiorías sociais no noso País”.
No pasado Proxecto de Lei, o BNG presentou unha emenda á totalidade polo maltrato a Galiza. Este ano, a formación optou polo diálogo e a negociación tras constatar que medraba lixeiramente o investimento na Galiza. “Non cabe dúbida de que a posición de firmeza do BNG nas contas de 2021, denunciando a discriminación ao noso País e votando en contra, foi útil e provocou unha rectificación por parte do Goberno” explica Rego.
“A pesar dese incremento, xa dixemos que estes Orzamentos eran mellorábeis e insuficientes, tanto pola ausencia dunha aposta clara e decidida por políticas sociais- especialmente por unha política fiscal xusta e redistributiva- como polo investimento destinado á Galiza” lembra o deputado. Para a formación nacionalista, hai que compensar o “déficit histórico” no investimento en infraestruturas, equipamentos e servizos da Galiza e “atender ás necesidades perentorias no presente, particularmente para atallar a grave crise industrial que padecemos”.
O deputado nacionalista sinala que non houbo avances “significativos para mellorar o investimento en infraestruturas, especialmente para modernizar a nosa rede ferroviaria interna” e tampouco para ampliar servizos “como a implantación das proximidades ferroviarias nas áreas metropolitanas”. Mesmo o executivo frustrou toda posibilidade de cumprir unha das medidas máis relevantes do Acordo de Investidura como a creación de tres xulgados de violencia de xénero en Santiago, Lugo e Ourense. “Lembrei á ministra de Xustiza desde a tribuna que na loita contra a violencia machista, para alén das boas palabras, o que realmente importa son os feitos”, enfatiza Rego
“Faltou acordo no necesario impulso do saneamento e rexeneración das nosas Rías, para mellorar os seus valores ambientais e recuperar plenamente a súa capacidade produtiva” subliña Néstor Rego. Segundo sinala o deputado do BNG, tampouco houbo vontade de afondar en políticas sociais e tributarias máis xustas: suba pensións mínimas, baixada do IVE a produtos esenciais, subida progresiva do imposto de patrimonio a partir do millón de euros ou mesmo a modificación do contrato predoutoral.
O BNG marcaba como obxectivo prioritario a solución á crise industrial en que está inmersa a Galiza con empresas que xa fecharon nos últimos meses e outras en risco de cesar a súa actividade coa consecuente perda de millares de postos de traballo” lembra o deputado nacionalista. “Presentamos emendas ao respecto e por iso fixemos fincapé nalgunhas á hora de buscar un acordo. O BNG votaría a favor dos Orzamentos se o Goberno tivese aceptado a intervención pública de Alcoa” salienta Rego
“Se París ben vale unha misa, a actividade económica e os postos de traballo da Mariña ben vale o voto favorábel do BNG. Que non caiba ningunha dúbida: apoiaríamos os orzamentos a cambio da intervención pública de Alcoa” enfatiza Néstor Rego.
Lamentabelmente, o PSOE non estivo disposto a dar ese paso, “dando as costas aos millares de persoas que levan anos loitando por unha solución de futuro e que o pasado día 17 saíron masivamente á rúa nunha folga xeral para reclamar a actuación dos gobernos galego e español que resolvan a crise social, económica e industrial desta comarca. Non deixa de sorprender -e imaxino que decepcionar a moitos, incluídos votantes dos partidos da coalición de goberno- que PSOE e Podemos votasen en dúas ocasións neste Congreso resolucións a favor da intervención pública de Alcoa, mais, á hora de lle dar forza de lei, que obrigue o Goberno a actuar, non apoian”, lembra Rego.
“Sempre dixemos que nos gustaría poder votar a favor destes orzamentos porque iso significaría que eran bos para Galiza. Mais, infelizmente, non podemos apoialos porque poderían ser ben mellores do que finalmente serán. Faltou vontade por parte do Goberno para conseguilo, unha oportunidade perdida de tratar con xustiza o noso País” enfatiza. En todo caso, Rego avanza que o BNG seguirá traballando con coherencia en defensa de intereses da Galiza, das clases populares e das maiorías sociais do noso País.