congreso

Néstor Rego: "Con este Acordo garantimos que o novo Goberno asuma compromisos coa Galiza"

Nésto Rego
Nésto Rego

O portavoz do BNG a Sánchez: “Alégrome que onte asumise o que o BNG leva anos dicindo: Feixóo nin é un bon xestor nin moderado. É bon xestor só para as empresas amigas a conta da precarización dos servizos públicos”

Rego a Sánchez: “Para deixar atrás o período nefasto do PP é fundamental que se cumpra o Acordo”.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, afirmou na súa intervención do debate de investidura de Pedro Sánchez que a pesar das diferenzas, “puidemos chegar a acordos e hoxe imos dar o noso apoio á investidura. Facémolo en cumprimento dos dous principais compromisos que adquirimos coa sociedade galega: defender os intereses de Galiza e actuar como muro de contención da dereita ultra e da ultra dereita retrógrada e antigalega”.

“Seremos exixentes no cumprimento do Acordo”

Rego destacou que “co Acordo de Investidura garantimos que o novo Goberno asuma compromisos con Galiza. Seremos exixentes e estaremos atentos ao cumprimento de todas as medidas acordadas”.

“Este non é o noso Goberno, hai actuacións que non partillamos e outras pendentes”

Néstor Rego subliñou que “este non é o noso Goberno, e non só porque ningún Goberno español será nunca o noso goberno, senón porque como forza política o BNG mantén profundas diferenza co PSOE, non só nos obxectivos estratéxicos, tamén en actuacións que non partillamos”, en referencia ao aumento do gasto militar ao ditado da OTAN, a política belicista, a viraxe sobre o Sáhara ou a falta dunha condena rotunda da masacre que Israel está a cometer contra o pobo palestino. “No entanto, a pesar das diferenzas puidemos chegar a acordos e hoxe imos dar o noso apoio á investidura”.

Enumerou, ademais, o deputado cuestións por abordar como a derrogación íntegra da reforma laboral do PP, incrementar o SMI até o 60% do salario medio segundo os criterios do Comité Europeo de Dereitos Sociais, frear o espolio eólico retirando o POEM, unha transición xusta nas Pontes e Meirama, chamando a atención de Sánchez sobre a folga xeral nas Pontes do vindeiro 23 de novembro que convocou a CIG. Reivindicou un Plan de industrialización e a reactivación do sector pesqueiro e agro gandeiro.

O Acordo garante un trato igualitario a Galiza

Rego puxo en destaque partes do Acordo logrado polo BNG como en materia de condonación da débeda, “unha débeda que Feixoó triplicou”.

Salientou a implantación dos servizos de cercanías. As rebaixas de 75% nas portaxes da AP-9 e AP-53 en usuarios habituais, deixando claro que o BNG “seguirá traballando para acabar co castigo da concesión prorrogada polo PP até o 2048. Seguimos pagando por decisión do PP”. Avances en políticas sociais e a creación de 5 novos xulgados de violencia de xénero (Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Ferrol). Impulso das competencias pendentes, ademais de políticas para a normalización do galego.

Rego ironizou coas descualificacións do PP sobre os descontos na AP-9 que tildaron de “rebaixiñas”: “Cos descontos que pactamos unha persoa usuaria habitual aforra 285 euros. Talvez é pouca cousa para os salarios (en plural) de Feixóo, mais para un traballador é bastante”.

O deputado do BNG afirmou que “debemos actuar no contexto que nos toca. Neste momento, coas alternativas existentes e cun papel decisivo do soberanismo, facémolo por medio dun Acordo que de paso frea as opcións da dereita reaccionaria e posibilita que o noso pais mellore:

Palestina: “Precísase maior contundencia”

O deputado do BNG abriu a súa intervención dedicando especial atención a Gaza e a Palestina porque nos impele “a solidariedade internacionalista, a humanidade”. “Sentímonos chocados pola brutalidade deshumana de Israel co asasinato de crianzas -xa máis de 5000- e de civís, bombardeo de hospitais, escolas...”. Son crimes de guerra e de lesa humanidade, “un xenocidio  para acabar ocupando o  territorio todo da Palestina”.

Censurou a actitude da UE de submisión ao imperialismo norteamericano e que “deu carta branca a Israel” para asasinar. Para o BNG, recalcou, “non é suficiente co compromiso de recoñecer o Estado Palestino. Precísase maior contundencia”. Nese sentido, demandou o cesamento inmediato do fogo, a apertura de corredores humanitarios, deter o comercio de armas con Israel, romper as relacións diplomáticas e levar a Netanyahu ante a Corte Penal Internacional.

Concluíu Néstor Rego cun exercicio de memoria democrática necesario, lembrando a Alexandre Bóveda que foi un “exemplo de lealdade á Galiza”, e que está presente no Acordo.

Réplica de Pedro Sánchez.

REGO a Sánchez: “Para deixar atrás o período nefasto do PP é fundamental que se cumpra o Acordo”.

O candidato á investidura, Pedro Sánchez, deu resposta á Axenda Galega fixada polo BNG, pondo en valor o incremento de investimentos na Galiza conseguidos na pasada lexislatura a iniciativa do BNG que contrastou cos “anos de retroceso de Gobernos do PP”. Pedro Sánchez seguiu o discurso de Néstor Rego en relación á crítica a 13 anos de goberno do PP na Xunta que aumentou a débeda de Galiza e no que atinxe ás políticas destrutivas do PP no sistema público.

Na súa resposta a Néstor Rego, Sánchez mencionou os 22 puntos do Acordo alcanzado co BNG destacando as partes principais.

Pola súa parte, Rego celebrou que Pedro Sánchez aludise a algunhas das actuacións recollidas no anterior Acordo co BNG. Ademais mostrou a súa satisfacción por ter asumido o discurso do BNG en relación a Feixóo: “Alégrome que onte asumise o que o BNG leva anos dicindo: Feixóo nin é un bon xestor nin moderado. É bon xestor só para as empresas amigas á conta da precarización dos servizos públicos”.

Finalizou dicíndolle a Sánchez que “para deixar atrás o período nefasto do PP é fundamental que se cumpra o Acordo”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG