Montse Prado: “A auga do encoro do Umia está contaminada por algas tóxicas, non sirve para nada”
Entrega a botella á conselleira de Medio Ambiente e pregunta se sería capaz de beber, lavar ou utilizada con normalidade
A deputada do BNG, Montse Prado interperlou á conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato á que lle entregou unha botella con auga recollida no encoro do río Umia para demostrar o grao de contaminación pola acumulación de algas tóxicas.
Na intervención, Prado criticou que Mato xustificara a presenza de algas afirmando que existen outros lugares nos que tamén se produce unha grande proliferación desta especie. A nacionalista explicou que a bacteria no encoro pode crear graves problemas e mesmo o abastecemento de auga potable para a poboación polo que preguntou á titular de Medio Ambiente “que mecanismos foron arbitrados para previr as consecuencias da alga tóxica microcristais aeroginosa, unha cianobacteria que produce a microcistina, “unha toxina difícil de detectar, de eliminar e con efectos acumulativos”.
Para a deputada é necesario “desmontar o encoro do Umia” como única solución para recuperar a saúde do río e contra a acumulación de cianobacterias como recomendan un gran número de expertos. O encoro, creou un problema de saúde e tamén medioambiental e o río Umia está “ferido de morte”.
Prado denunciou que o problema persiste porque o Partido popular non quere mudar unha situación que beneficia a empresa “Cortizo”, cuxo empresario leva sen pagar dende hai tres anos o canon ao que está obrigado pola concesión mentres tanto e mentres tanto os veciños e veciñas non poden utilizar o río. A Xunta e o Partido popular, recalcou a nacionalista “crearon este problema e deben solucionalo porque está afectando a 150 mil veciños e veciñas”.
“Non queremos un río con augas verdes e contaminado como a auga desta botella” concluíu.