Montse Prado ao conselleiro de política social: “Unha hemorraxia non se tapa cunha tirita”

Montse Prado

Replica a Rey Varela que en  Galiza existen 690 mil persoas en “risco de pobreza” e  as contas para o 2018 non resolven as listas de espera en dependencia

A deputada do BNG por Pontevedra, Montse Prado aludiu hoxe ao Informe AROPE sobre o estado da pobreza para replicar ao conselleiro de Política Social, X.M Rey Varela que os orzamentos do ano 2018 non contemplan medidas destinadas as cerca de 690 mil persoas galegas en risco de pobreza. “Unha hemorraxia non se tapa cunha  tirita” e as súas contas, manifestou,  “van nesa dirección”.

O informe, explicou Prado, recolle os datos aportados por diversos organismos, “agás os da  Xunta de Galiza que unha vez máis,  facendo  gala de   falta de transparencia  e opacidade declina  aportar a información requirida”.

A parlamentaria negou as afirmacións do conselleiro sobre a  diminución das desigualdades grazas á recuperación económica. “O informe confirma que non é así”, e concretamente co colectivo das mulleres das que unha gran parte ingresan menos de catro mil euros ao ano, remarcou.

O informe do CES tamén abonda na estabilidade nas cifras da pobreza durante o ano 2016, “alonxadas das cifras macroeconómicas”. A saída da crise só beneficia a uns poucos pero a maioría seguen padecendo efectos moi negativos nos salarios e condicións de precariedade e estes orzamentos deben reflectir a realidade para mellorala.

DISCAPACIDADE E DEPENDENCIA

Sobre este asunto lembrou que o gran problema reside no tempo de espera das persoas que deben ser avaliadas por   dependencia ou  discapacidade, espera que oscila entre 3 e 18 meses respectivamente. Unha persoa que non conta coa preceptiva avaliación non percibe prestación e iso,  só se pode  resolver incrementando medios pero sobre todo persoal para rebaixar “de maneira eficaz” as listas de espera.

Neste sentido, afirmou que os orzamentos  non contemplan o incremento de persoal e advertiu  que esta medida  repercutirá moi negativamente nas avaliacións de discapacidade e dependencia.

Respecto ás pensións non contributivas criticou a rebaixa na partida  do ano 2016 e recalcou que este ano mantén a mesma contía a pesar de que as pensións por viuvez   en Galiza, “son as máis baixas do Estado” e as xerais están por debaixo das de Estremadura.

Sobre o plan de residencias asegurou que o goberno anuncia novas infraestruturas cando en realidade aínda non están en funcionamento as proxectadas hai anos ao que sumou os centros de día e escolas infantiles.

Para a deputada,  o Partido popular está a articular un modelo en servizos sociais que privilexia as “empresas privadas”. O 78,6% de prazas en residencias “son privadas” e en centros de día o 40%.

A parlamentaria rematou preguntado se Galiza está atendendo axeitadamente ás persoas dependentes  polo que pediu máis investimento neste ámbito. Vai reclamarlle ao Estado  150 millóns de euros que  debe a Galiza e   esixir que se faga cargo  do 50% en gastos de dependencia?, concluíu.