Montse Prado afirma que o PP quer para Galiza o Sistema sanitario norteamericano
A deputada defendeu unha moción para derrogar o copago dos medicamentos a enferm@s crónic@s. O PP rexeitou a proposta nacionalista
Pleno- A deputada, que principiou a súa intervención exhibindo dende o estrado un cartaz co lema O Copago Mata, pola defensa da Sanidade Gratuíta na Sanidade Galega preguntou ao Partido popular se ten previsto aplicar en Galiza o sistema sanitario norteamericano ao que acceden só os que teñen cartos deixando fora ás persoas con máis dificultades.
Asemade, acusou ao Partido popular de aplicar un imposto á enfermidade de maneira inhumana, inxusta e criminal e lembrou que o BNG reclamou do Goberno galego derrogar o copago dos medicamentos dispensados en boticas hospitalarias aos doentes con patoloxías crónicas non hospitalizados. Por outra parte, negou que os alcaldes nacionalistas que se pronunciaron en contra desta medida a utilicen por demagoxia como afirmou o portavoz do PP, Miguel Santalices.
A nacionalista preguntou por qué o Goberno galego non fai un pouquiño de demagoxia e se ocupa dos enfermos e enfermas de Galiza, e animou ao PP a deixar de ser correa de transmisión do capital que machuca aos de abaixo amosándose servil cos poderosos.
Para o PP, só hai que pagar catro euritos
Prado criticou a escenificación do portavoz popular da que dixo, resulta grotesco o seu ton cando afirma que soamente son catro euritos. A deputada manifestou que dende que goberna o PP, todo o mundo paga máis nos medicamentos que eliminaron do catalogo multiplicándoo de prezo, nas as próteses, no transporte sanitario, a luz, o gas.... Quén pensa nas familias dos pensionistas e nas persoas que están no paro? preguntou.
A deputada negou que as novas medidas do Goberno galego sexan máis equitativas e vista está dixo, porque os impostos son máis inxustos coas persoas que menos teñen.Vostedes, impuxeron un imposto á enfermidade e cambiaron os dereitos por beneficencia, por escolla ideolóxica.
Montse Prado criticou que o PP utilice a Radio e Televisión de Galiza, para silenciar, sistematicamente a rebelión contra o copago sanitario e a caverna mediática que oculta a realidade das persoas enfermas, agora castigadas con novos repagos.
Finalmente, a deputada lamentou o voto desfavorable do Partido popular á moción nacionalista e anunciou que o BNG seguirá loitando naqueles foros nos que ten representación contra un imposto, reiterou, inxusto, inhumano e criminal: