Montse Prado acusa ao PP de abocar ás persoas á escravitude laboral
A deputada denunciou que a reforma do mercado laboral resulta agresiva c@s traballadoras, abarata e facilita o despido, rebaixa os salarios e rompe o equilibrio asalariad@s e empresas
Montse Prado pediu hoxe no Parlamento galego, a través dunha Proposición non de lei, derrogar o Decreto-lei 3/2012 de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral que está abocando aos traballador@s a situacións de escravitude laboral.
A proposición non de lei nacionalista apoiada polos grupos do PSdeG e AGE foi rexeitada polo Partido popular.
Na súa intervención, a deputada lembrou que os datos da EPA, con máis de seis millóns de desempregad@s, son estremecedores, en Galiza, explicou, hai 37.000 persoas desempregadas máis nun ano, 20.000 fogares con todos os seus membros en paro, o desemprego xuvenil por riba do 50%, EREs non pactados que superan o 300% e a taxa de desemprego sitúase no 22,35 por cento.
Máis horas de traballo, menos salarios e condicións laborais que raian a escravitude
Prado acusou ao Partido popular de provocar no Estado español a rebaixa máis drástica dos custes laborais provocando que as persoas traballen moito máis e gañen moito menos.
Neste sentido, afirmou que esta medida obriga a traballar máis horas e cobrar menos e reprobou que o Partido popular se escude en que sempre hai alguén que o pode facer máis barato. Unha Reforma Labora, engadiu, que ademais de resultar moi agresiva cos traballador@s, non facilita saír da crise, representa un retroceso nos dereitos da clase traballadora e facilita un exercito de reserva que acepta peores condicións laborais e máis precarias.
A parlamentaria denunciou que o PP utilice a crise para levar por diante dereitos que a clase traballadora conseguiu ao longo dos anos, vostedes non asumen os datos do desemprego e buscan que moitos traballadores acepten condicións de escravitude laboral.
Tres de catro empresas utilizan a reforma laboral para rebaixar os salarios e aplicar condicións inferiores ás conveniadas, dixo.
As empresas utilizan a crise para despedir traballador@s
Prado tamén explicou que dende a aprobación do Real Decreto xa non é necesaria a autorización da administración laboral para aplicar os expedientes de regulación (EREs), permite a rebaixa salarial decidida unilateralmente pola empresa e dinamita a negociación colectiva, dereito, dixo, que deixa aos traballador@s en grave indefensión ao rachar o equilibrio entre empresari@as e asalariad@s.
A nacionalista reiterou que o Decreto-Lei de reforma laboral, tras un ano da súa aplicación, non acadou os cambios prometidos ao redor do 90% dos novos contratos, son temporais , os EREs pactados disparáronse, a reforma laboral provocou menor calidade do emprego, aumentou a temporalidade, rebaixou os salarios e incrementou as desigualdades, manifestou.
A parlamentaria reiterou que a reforma laboral incrementou as desigualdades, retraeu o consumo, pechou miles de comercios e constata a perda de capacidade de aforro.
Montse Prado concluíu reclamando do Goberno galego un cambio de rumbo nas políticas laborais e o recoñecemento de que as reformas acometidas contra os traballadores non van na senda de crear emprego.