O candidato do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini), mantivo un encontro coa nova Directiva de Apropiga (Bombeiros e Bombeiras forestais de Galiza) ao que trasladou o compromiso do BNG por un novo deseño de loita contra os lumes e labores de emerxencias.
Tras o encontro, o candidato reiterou a necesidade de acometer unha nova política forestal para acadar un monte vivo, biodiverso e multifuncional. O nacionalista recolleu as demandas dos bombeiros e bombeiras forestais ante os cambios producidos tras as conclusións do Comité de Expertos sobre o estudo dos lumes. A directiva de Apropiga trasladou ao candidato do BNG as dificultades ante a falta de material, nomeadamente nas bases, que en ocasións só contemplan a utilización dun vehículo así como a insuficiencia de medidas preventivas contra a COVID-19. Non existen zonas limpas nin sucias, porque o material utilizado límpase no mesmo lugar onde se cambian, circuntancia que non ofrece todas as garantías de prevención nin seguridade, explicou o nacionalista.
Rivas comprometeuse a continuar cos encontros despois do proceso electoral co fin de afondar nas diferentes problemáticas dos bombeiros e bombeiras forestais entre as que destacou, a “inestabilidade laboral” con contratos fixos discontinuos e a revisión do servizo de extinción de incendios para reverter esta actividade en labores de emerxencia dirixidas fundamentalmente ao medio rural. A prevención de incendios, recalcou, debe ser prioritaria ao igual que a estabilidade laboral e a seguridade.