Mini Rivas: "O BNG ten a vontade política para intervir publicamente Alcoa"
O candidato do BNG pola Coruña, Xosé Luís Rivas afirmou en Vedra que o BNG no goberno galego porá en marcha “unha tarifa eléctrica galega que beneficie ás familias e competitividade das empresas” e destacou a vontade política dun goberno liderado polo BNG para “intervir publicamente Alcoa e fiscalizar as subvencións e vendas fraudulentas de empresas rendibles.”
A Covid-19 puxo de manifesto a importancia do medio rural
En referencia a pandemia provocada polo coronavirus, o candidato nacionalista asegurou que a sociedade urbana, “a que xa non ten aldea”, percibiu que “o rural é máis necesario ca nunca”, un medio rural que debe medrar para poder abastecernos dos bens básicos necesarios. O medio rural, reiterou Mini, “Ten que ser dinámico para asentar poboación. Ten que ser poboado para ser xestionado e ten que ser rendible para proporcionar vida a quen o xestione”.
Ao seu xuízo, “darlle esa necesaria volta ao rural dignifica poñer a producir 170.000 Has agrarias abandonadas. Fomentar a biodiversidade nos montes e a súa multifuncionalidade. Conseguir implantar pequenas industrias de transformación que nos deixen o valor engadido e frear o “monocultivo do eucalipto” por outras alternativas máis rendibles”.
O Partido popular desmantelou a industria galega
Para o candidato do BNG, a ausencia dunha estratexia industrial do Partido popular galego durante os últimos once anos levou a un gran numero de empresas rendibles a dar por finalizada a súa actividade e deixar na rúa a miles de traballadores e traballadoras. Esta situación, dixo, non está provocada exclusivamente pola Covid-19, Noa Madera, Isowat, a inactividade de Navantia, ENDESA, Naturgy ou Alcoa non “son casos illados”, son consecuencia das decisións dun PP que levou á “irrelevancia política ao noso país” porque está ao “servizo do neoliberalismo empobrecedor”.
O miolo do problema recalcou o candidato nacionalista, está no “maltrado, a desconsideración, o non pintar nada no espectro político e o PP debe explicar porque non tivo a “valentía” de intervir publicamente ALCOA cando ten competencias en Industria que permitirían esta operación”. Hoxe sabemos que Portugal vai nacionalizar a TAP e Alemaña a Lufthansa e a ninguén se lle ocorre criticalos porque iso é o que hai que facer, presentar “alternativas para non abandonar ás empresas nin aos seus traballadores”.
As empresas que agora están ameazadas en Galiza “sacaron grandes beneficios” e mesmo obtiveron axudas públicas, pois ben, “tamén haberá que reclamar esas axudas se continúan co desmantelamento industrial e os plan incumpridos”. Teñen a obriga de presentar un Plan de mantemento e recuperación industrial da zona, cousa que non están a facer ningunha delas.
Parques eólicos que revertan riqueza en Galiza
O nacionalista tamén criticou a “conivencia” do Partido popular para instalación de parques eólicos proxectados en distintas comarcas galegas, a pesar de que en Galiza pagamos a enerxía más cara do estado. Se o BNG lidera o goberno galego, aseverou Mini, “teremos unha tarifa eléctrica galega que abarate o recibo da luz das familias e permita que as empresas sexan competitivas”. Se somos goberno, recalcou “os eólicos estarán ao servizo do noso país” e non de Greenalia nin de Naturgy. Serán respectuosos co medio ambiente e serán obrigados a destinar unha parte dos beneficios para desenvolver economicamente a zona.“O vento, a auga e a enerxía é nosa e debe traducirse en riqueza para Galiza”.
Na súa intervención, no acto electoral de Vedra, tamén se referiu á necesidade de pechar os ciclos produtivos, impulsar o comercio de proximidade e consumir produtos locais. A Covid 19 deixou clara a importancia do noso medio rural e o sector pesqueiro, grazas a eles, dixo, “en Galiza non tivemos falta de produtos”. O noso programa de goberno leva medidas para para transformar o medio rural nun medio “vivo, dinámico, rendible e con servizos para fixar poboación”, porque necesitamos tirar proveito económico do medio rural con actividades laborais diversas e facilitar base territorial ao sector agrogandeiro. Se o BNG lidera o goberno galego “dotaremos o medio rural dos servizos que precisa para fixar poboación e favorecer a conciliación”.