Mini Rivas acusa a Medio Rural e a TRAGSATEC das “precarias condicións laborais” dos veterinarios e veterinarias nas Campañas de Saneamento
O portavoz de Agricultura e Gandaría do BNG, Xosé Luís Rivas formulou hoxe unha pregunta parlamentaria ao goberno sobre a “precariedade” das condicións laborais dos veterinarios e veterinarias e o risco de accidentes laborais pola dureza da actividade que realizan e falta de medios.
Na súa intervención, o deputado destacou a “dureza“ das condicións laborais dos veterinarios e veterinarias así como o papel da empresa pública Tragaset que cualificou de “segunda patronal”. Os traballadores e traballadoras eventuais, dixo, desenvolven un “duro traballo” por mor dos animais obxecto de saneamento, condicións as veces, intolerables para o mundo no que vivimos. O accidente mortal do veterinario, Jesús Deiros o 28 de maio alcanzado na cabeza pola corna dunha vaca evidencia o risco dalgunhas probas e manipulacións que o persoal veterinario debe realizar. Estas probas, explicou, deben ser supervisadas por dúas persoas, “unha para inmobilizar ao animal e outro para a súa manipulación”. De estar acompañado por outra persoa, probablemente o desenlace do veterinario falecido sería outro, prognosticou o nacionalista.
Os traballos de campo relacionados coa realización de probas diagnósticas no marco das Campañas de Saneamento Gandeiro implican necesariamente uns altos niveis de riscos laborais ao realizar o 100% dun censo de animais extraordinariamente heteroxéneo no seu manexo e instalacións, máis incluso se estamos a falar, moitas veces, de animais bravos cun manexo e suxeición deficientes ou case inexistentes. Ademais, as normas das Campañas de Saneamento gandeiro de especies bovina, ovina e cabrúa tamén é un concepto pouco definido e subxectivo. A orde contempla que “o gando que paste en liberdade estará reunido e inmobilizado en mangas, currais ou explotacións no momento de se realizaren as probas” pero non todos os lugares teñen o carácter de explotación e en ocasións son animais de grande tamaño e cunha grande forza, reiterou Rivas.
O deputado apelou a “unha base legal clara” ante as características especificas da actividade laboral dos e das veterinarias e reclamou acompañala “dunha correcta política de prevención de riscos de accidentes”.
Nesta liña, considerou que a Consellería de Medio Rural e a empresa Tragsatec “son responsables directos dos accidentes laborais” e acusou a ambas entidades de non exercer as súas responsabilidades para impedir os riscos laborais.
Non é raro ver nas Campañas de Saneamento só veterinario cos animais sen inmobilizar convenientemente, sen manga, e cun tempo taxado de tres minutos por res. Asemade, estes profesionais traballan baixo “ameazas” da empresa de quedar fóra da próxima campaña si cuestionan as condicións laborais.
O parlamentario do BNG preguntou ao Goberno galego se era coñecedor das condicións de traballo referidas e si ten previsto tomar algunha medida para que a empresa Tragsatec incremente o número de veterinarios e veterinarias e mellore as condicións de suxeición das reses, por medio de mangas ou calquera outro sistema, co fin de facilitar e garantir o traballo dos profesionais.