Medidas do Goberno do Estado sobre o tax-lease: "Optimismo, o xusto"
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou que o BNG amósase escéptico ante a proposta do Goberno central sobre o tax-lease. Hai que esperar e ver. De entrada, optimismo, o xusto.
En todo caso, subliñou que se o Goberno está empezando a actuar, é movido pola presión social e tamén pola presión política do BNG. Neste sentido, considerou curioso que o anuncio do Goberno se produza xusto despois da entrevista da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, co eurocomisario Joaquín Almunia.
Ademais, Guillerme anunciou que o BNG fiscalizará que as modificacións legais que o Goberno anunciou que fará vía decreto se materialicen na práctica.
O PP incumpre as súas promesas eleitorais co naval da ría de Ferrol
E se o problema do tax-lease afecta especialmente aos estaleiros da Ría de Vigo, sobre as propostas do Goberno para o naval da ría de Ferrol, o portavoz nacional do BNG denunciou que o PP incumpre os seus compromisos eleitorais: nin carga de traballo nin dique flotante.
Así, denunciou que agora dise que hai que elixir, que unha cousa ou outra, e que a construción do dique flotante ten que pasar antes por unha comisión de estudos que decida se é viábel ou non.
Ademais, Guillerme denunciou que o PP xa nin fala do levantamento do veto sobre construción civil en Ferrol, unha promesa que tamén levaban no seu programa eleitoral.
Neste sentido, o portavoz nacional concluíu que se confirma o que ven sostendo o BNG, que non estamos ante un problema de falta de competitividade do naval galego, senón de falta de compromiso político do goberno do Estado e do Goberno galego.