Medidas de choque no social e no económico, versus discurso placebo e metirán da recuperación do PP

Xavier Vence, portavoz nacional

O BNG propón iniciar 2015 substituíndo o discurso “placebo e mentirán” da recuperación que o PP repite como ladaíña publicitaria por un paquete de medidas de choque no económico e social, nas que debería implicarse de cheo o Executivo da Xunta.

“Desde que en 2009 a ministra Salgado e Zapatero acuñaron aquelo dos brotes verdes non pasou un só ano no que desde o Goberno non se anunciara que o ano vindeiro é o da recuperación, da saída definitiva da crise, e así levamos seis de discurso placebo e mentirán”, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence. Como na canción da Roda “sempre andas dicindo para o ano que ven, chega o ano e pasa tamén, é a mesma historia”, ironizou.

Aceptar unha recuperación inexistente en Galiza, aínda que noutras partes do Estado hai unha morna melloría conxuntural sen base sólida, “é moi grave porque permite continuar con políticas fracasadas”, alega Vence, quen explicitou as medidas que o BNG pon enriba da mesa.

En primeiro lugar, un plan de choque para frear o declive económico que ten como consecuencias a emigración e a caída demográfica cun progresivo envellecemento da poboación, “un círculo vicioso que se retroalimenta”. Para rompelo, o Bloque propón á Xunta elaborar un plan económico cos seguintes obxectivos.

Recuperar a actividade produtiva na industria, e Vence cita como exemplo o sector naval de Ferrolterra tras o levantamento do veto á construción civil, un novo escenario que debe traducirse en carga de traballo.

Apoio á industria alimentaria nas fases de produción, transformación e comercialización, con medidas que garantan contratos estables, prezos do leite similares aos europeos, evitar sancións por sobreprodución e prever o escenario post sistema de cotas.

O Bloque tamén propón ao Goberno de Feijóo empezar a negociar de inmediato unha tarifa eléctrica galega que permitiría abaratar o prezo da enerxía ata un 35%, como xa ten Euskadi, para as industrias e familias, dada a condición de produtores excedentarios de enerxía. O respiro de Aloca non elimina a incerteza que o actual sistema eléctrico provoca no sector industrial galego.

Negociar coa banca

Igualmente, mudar a estratexia coa banca rescatada con 180.000 millóns de euros (18% PIB). O Bloque propón unha negociación política coa banca para obrigala a que conceda financiamento a familias e empresas, “porque vai sendo hora que cumpra coa sociedade para haxa acceso ao crédito a custe razoable”.

Por último, propón un conxunto de medidas para “atender a situación de emerxencia social motivada pola pobreza e o paro”, que se concreta nun plan de emprego en servizos públicos básicos como sanidade, educación e I+D+i, “que free a emigración e reteña talento no país”, e garantir uns ingresos mínimos as persoas paradas que non teñen ningún tipo de prestación.

“Son propostas concretas que deberían ser desenvolvidas con urxencia pola Xunta para impedir que o 2015 sexa outra vez outro ano perdido, onde se intente calmar á cidadanía con imaxinarios discursos de recuperación”, subliñou Vence, quen confía en que os procesos electorais pendentes neste ano, -municipais e xerais-, “sirvan de punto de inflexión” para pasar páxina nas políticas de recorte de servizos e dereitos do PP.