A maioría esmagadora do PP tumba todas as emendas do BNG
Ningunha das 500 emendas do BNG prosperaron no debate parlamentario dos orzamentos do PP para o 2014
Pleno. Os votos da esmagadora maioría parlamentaria do Partido popular impediron que prosperan as emendas do BNG aos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano.
Tras un intenso debate en comisión e posteriormente en sesión plenaria, rematou o trámite do debate de Orzamentos do Goberno galego para o ano 2014 sen que as emendas da oposición foran tidas en conta polo grupo parlamentario do Partido popular.
Nos debates de partidas económicas das diferentes consellerías, o BNG avogou por emendar unhas contas que non crearán emprego e debilitarán aínda máis as economías familiares.
Os orzamentos do PP representan unha escolla ideolóxica coa escusa de que non hai cartos
Para o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, por segunda vez nesta lexislatura, o Partido popular négase a modificar os orzamentos galegos e lamentou que o PP continúe no camiño de privatizar os servizos públicos e permanecer como mero espectador ante a venda de Novagalicia Banco e desmantelamento do sector naval.
O Partido popular, afirmou confunde a maioría absoluta coa democracia e reduce o Parlamento galego a apéndice do Goberno. Non aceptaron ningunha emenda do BNG, agás algunha de tipo técnico ou carácter menor porque vostedes, explicou, pretenden continuar cos recortes en Sanidade, Educación e servizos públicos ademais de subir os impostos indiretos para que os menos teñen paguen máis.
Vostedes, dixo Jorquera, repetiron como un mantra neste debate que non había modelo alternativo e teño que darlles a razón, vostedes non son alternativa a situación económica e social de Galiza.
Pola súa parte, a viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón sinalou que o PP non está disposto a rematar cos presuntos casos de corrupción, o maior maltrato a que someten á cidade de Compostela é ter un goberno cheo de imputados, afirmou.
Ademais, para a deputada resulta contraditorio que o PP defenda a creación de emprego a través duns orzamentos que non recollen como prioridade esta necesidade e lembrou que as propias previsións do Goberno reflicten un aumento do paro.
Galiza en situación de emerxencia nacional
Hoxe, dixo, temos a Galiza nunha situación de emerxencia e a milleiros de persoas en situación desesperada. O BNG presentou emendas aos orzamentos de todas as consellerías para acadar a reactivación dos sectores económicos, verdadeiros motores para crear emprego estábel e de calidade máis chegamos a este debate final despois de presentar propostas alternativas e atopamos a un Goberno soberbio que non está disposto a cambiar un só euro no seu deseño para mellorar as condicións de vida d@s galeg@s.
Un goberno, dixo, que destruíu emprego e que mesmo considera un dato positivo que a poboación activa sega diminuíndo, para o BNG, isto é un despropósito, concluíu.