Galegas 2020
Luís Bará: “Sería un logro histórico para as mulleres que Ana Pontón sexa a presidenta de Galiza”
08 de marzo de 2020 (21:35 h.)
O candidato nacionalista asistiu hoxe á manifestación de Pontevedra como forma de apoio ás reivindicacións do feminismo galego
Subliñou que “o feminismo é un movemento imparábel que vai transformar o mundo”
O cabeza de lista do BNG para as eleccións galegas do 5A Luís Bará asistiu hoxe á manifestación do 8M en Pontevedra como forma de apoio ás reivindicacións do feminismo galego. Alí subliñou que sería un “logro histórico” para as mulleres que Ana Pontón sexa a presidenta de Galiza “porque ten un inequívoco compromiso feminista, porque é unha loitadora pola igualdade e porque vai situar os dereitos e as demandas das mulleres no primeiro plano para facer de Galiza unha sociedade avanzada en materia de igualdade e xustiza social”.