O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, pretende levar adiante a creación dunha rede de vías verdes na provincia de Pontevedra unha vez chegue ao goberno da Xunta. Así o manifestou nunha visita a Caldas de Reis, onde destacou que esta rede de vías verdes abranguería dende a área de Vilagarcía á área de Vigo, para o que se aproveitarían as vías do tren en desuso. “Este proxecto ten que estar liderado pola Xunta de Galiza que ata o de agora foi a ‘rebufo’ doutras administracións e participou de mala gana e tarde, como é o caso do treito entre Vilagarcía e Portas, pendente de rematar precisamente polo desleixo e falta de iniciativa da Xunta do Partido Popular”.
Segundo abondou Bará, o BNG propón rematar a vía verde entre Vilagarcía e Portas e darlle continuidade entre Pontevedra e Arcade, e entre Arcade e Vigo, aproveitando os treitos abandonados do ferrocarril, e conectando estes treitos aproveitando camiños e pistas que poden tamén ter un uso para a mobilidade sostible. “Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a mobilidade saudable e segura, tamén a actividade físico deportiva, pero tamén o turismo activo e de natureza, así como o cicloturismo”, subliñou.
Ademais da proposta de vías verdes o BNG tamén avogou por desenvolver unha rede de sendeiros na provincia con dúas grandes liñas de actuación. Por unha parte a rota da costa e dos faros, “xa que temos unha costa espectacular tanto entre A Guarda e a zona de Vigo, O Morrazo ou O Salnés, que debemos aproveitar”, e tamén os roteiros arredor dos ríos Ulla, Umia, Lérez, Gafos, Verduxo, Oitavén, Louro, Miño, “que teñen moitísimo potencial para desenvolver e promocionar e dinamizar estas zonas”.
Bará realizou este anuncio nun percorrido pola vía verde ao seu paso polo concello de Caldas, acompañado polo portavoz municipal Manuel Fariña e a portavoz en Vilagarcía Lucía César Veloso, así como por outros simpatizantes e militantes. O nacionalista foi especialmente crítico coa actuación da Xunta de Galiza no proxecto, e lembrou que na súa execución estiveron implicadas catro administracións diferentes (os concellos de Vilagarcía, Caldas e Portas) a Deputación, que foron grazas ás que puido saír adiante fronte aos continuos silencios e ausencias da Consellería de Medio Ambiente.
A vía verde que pasa por Caldas, hai que lembrar, inicia o seu trazado no apeadeiro de Ande (en Rubiáns) e termina na antiga estación do concello portense, con nove quilómetros de percorrido que se poden facer tanto a pé como en bicicleta. A día de hoxe falta por executar a restauración da ponte de ferro sobre o río Umia –pendente do goberno galego-. Trátase da única vía verde que discorre integramente por territorio galego e que une dous camiños de Santiago diferentes: o Portugués, que pasa por Caldas, e o Roteiro Marítimo Xacobeo, que discorre por Vilagarcía.