O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe en A Guarda que é preciso “non conformarse nin caer na rutina” e acudir a votar o vindeiro 12X sumando no BNG de Ana Pontón o voto de país que permita un “cambio de era”. O nacionalista, acompañado do tamén candidato Xosé Manuel Méndez e do portavoz municipal Anxo Baz, protagonizou un mitin no concello do Baixo Miño no que dixo que non hai nada decidido e que “hai que rachar coas enquisas para facer historia poñendo á fronte da Xunta á primeira muller nacionalista”.
Bará, acompañado do tamén candidato Xosé Manuel Méndez, e do portavoz municipal Anxo Baz, salientou a onda de cambio galego que percibe arredor do BNG e pediu unha gran mobilización nas urnas de todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Galiza. “Non se pode perder nin un só voto, que ningún voto da xente que lle quere a este país quede na casa porque iso é como darlle o voto ao Partido Popular. Se nos mobilizamos haberá un cambio real, un cambio de era que fará que Galiza desenvolva as súas potencialidades converténdose nun país próspero, moderno, produtivo, que sexa a envexa de Europa, da man dun proxecto solvente “, subliñou.
O nacionalista subliñou que “hai partido”, xa que con que o PP perda un escano por provincia caerá a súa maioría absoluta. Fixo fincapé en que o voto do BNG valerá dobre, porque servirá para “derrotar dun golpe á dereita reaccionaria e insolidaria do PP e derrotar ao mesmo tempo o centralismo e a dependencia que nos afoga e que nos paraliza”. Ademais, insistiu, permitirá facer historia poñendo á fronte do país unha muller nacionalista, a primeira presidenta da historia de Galiza, Ana Pontón.
En clave local, Bará destacou que o BNG traballará dende o goberno para integrar a comarca do Baixo Miño no transporte metropolitano de Vigo para que a súa veciñanza se beneficie de maiores frecuencias e prezos máis baixos. Lembrou que é fundamental a conexión dos concellos miñotos con Vigo como cabeceira e tamén núcleo onde están o hospital de referencia ou a universidade. Avogou por un plan integral de transporte, sustentable, eficiente, e seguro integrando tamén o transporte ferroviario, dada a proximidade da liña de Vigo-Porto que, ao seu entender, debería ser un eixo fundamental de conexión e comunicación co exterior.
Neste sentido, o cabeza de cartel tamén salientou que o BNG se porá á fronte da cooperación transfronteiriza co Norte de Portugal, territorio que cualificou como unha “plataforma” para impulsar a Galiza de cara ao país veciño. Destacou que é preciso considerar prioritaria a relación con Portugal e insistiu na necesidade de mellorar infraestruturas, nomeadamente, da necesidade “da saída sur na estación de Vigo e dun tren Vigo-Porto do século XXI, moderno e seguro é fundamental”, dixo.
Segundo dixo, é preciso poñer fin aos once últimos anos perdidos de Núñez Feixóo para a Eurorrexión, e traballar arreo polo territorio miñoto transfronteirizo e a súa recuperación socioeconómica tras a crise sanitaria. Puxo enriba da mesa a proposta de colaborar dende a Xunta do BNG coa AECT Río Miño e os concellos para desenvolver un Investimento Territorial Integrado (ITI) que unifique todos os fondos das diferentes administracións co fin de reactivar a zona tras o “agresivo” peche das fronteiras.
Por outra parte, Bará tamén fixo referencia a que un goberno do BNG traballará en favor da xente da pesca (que considerará actividade esencial e prioritaria), ao necesario impulso para o sector dos viveiros e a planta ornamental, ou do desenvolvemento do rural.