Luís Bará acusa a Rueda de ser “insensible” ante a situación de “extremo agobio” de miles de familias ante o inicio do curso
O Bloque propón un cheque de ata 500€ para os gastos de material escolar e promete recuperar a gratuidade dos libros de texto cando goberne
“O PP terá que quitarse a máscara e asumir a súa responsabilidade no veto á transferencia”, asegura o viceportavoz en alusión ao debate sobre a AP-9 no Pleno
O viceportavoz do BNG no Parlamento, Luís Bará, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de manterse “insensible” ante o “extremo agobio” que sofren miles de familias galegas ante un inicio de curso escolar moi complicado. “O Goberno do PP nega a realidade dos datos e deixa fora dunhas axudas claramente insuficientes a miles de familias que non poden atender aos gastos extra do inicio de curso, que supón até 450 euros por neno”.
No día no que arranca un novo curso, Bará anticipou un “outono quente” tanto polo malestar que existe entre o profesorado ante o empeoramento das súas condicións laborais como polo “impacto brutal” que estar a ter a situación económicas sobre as familias con nenos en idade escolar. Hai estudios, destacou, que apuntan que o 76 % das familias galegas teñen que endebedarse para afrontar a costa de setembro e cada vez son máis os que recorren ao mercado de libros de segunda man.
Fronte a un “Goberno do PP que semella non ter alma e lle da as costas á xente”, subliñou que o BNG xa presentou no Parlamento “propostas en positivo”, como a de habilitar de xeito inmediato unha tarxeta escolar con axudas de até 500 euros en función da renda para libros de texto e outro material necesario ante o inicio das clases. Ademais, o BNG contempla a recuperación da gratuidade dos libros de texto como unha das medias que poñerá en marcha nos primeiros cen días de goberno. Foron xa rexistradas así mesmo iniciativas para a contratación de profesorado, recuperación do horario lectivo e para diminuír as ratios de alumnos por aula
O deputado do Bloque reprobou tamén ao Goberno do PP por “falsificar os datos” no que se refire ao investimento en educación e as cifras de profesorado. Sobre o presuposto destinado, lembrou que segundo o informe da AIREF o gasto en educación por habitante na Galiza sitúase en 1.043 euros, 57 por debaixo da Media do Estado. “Somos a quinta comunidade pola cola, só por diante de Asturias, Madrid, Castela e León e Castela A Mancha”, apuntou, concluíndo que “Rueda non ten nada de que presumir”.
Referíndose aos datos publicados no DOG, afirmou que, ao contrario do que di a Xunta do PP, este curso empeza en Galiza con 60 unidades menos e un recorte de 78 prazas de profesorado en Infantil e Primaria. “E mentres se aplica a tesoira na educación pública, o que fixo a Xunta durante os últimos anos foi aumentar os cartos destinados á privada, con 2.496 millóns de euros entre o 2012 e o 2021 e un incremento de case o 30 % neste período ”, criticou. Agregou, en canto ás aulas, que estas pasaron no ensino privado e concertado de 3.836 a 3.978, mentres diminuíron no sistema público.
As consecuencias dos recortes están deixando a súa pegada na educación pública, como indica a Unión Europea no Índice de Competitividade Rexional, segundo o cal Galiza pasou do posto 96 ao 149 no 2022 no que se refire á educación básica, afirmou.
Mala conciencia no traspaso da AP-9
O viceportavoz do BNG referiuse, por outra banda, ao debate que terá lugar mañá no Pleno para pedir de novo a transferencia a Galiza da AP-9, unha iniciativa que lidera o Bloque, que rexistrou a súa proposta xa o 21 de xuño. “O PP vai a rebufo do camiño que marca o Bloque nun tema no que, ademais, ten mala conciencia porque dende o 2016, cando menos, é o máximo responsable de que non se chegara a facer efectiva a transferencia”, manifestou.
Lembrou, neste sentido, que o PP vetou a tramitación da iniciativa no Congreso en dúas ocasións durante o Goberno de Rajoy “ e dende o 2021 corresponsabilizouse co PSOE poñendo paus nas rodas, interrompendo, dificultando e dilatando os prazos para que non se aprobara”. “O debate no Pleno servirá para quitarlle a máscara e deixar claro quen estivo impulsando a transferencia da AP-9, o BNG, e quen a estivo vetándoa no Congreso a pesar de votar a favor en Galiza”, remachou Luís Bará.