Lobeira presenta o Encontro Nacional Aberto como unha demostración da forza da militancia do BNG
En palabras do secretario de organización e coordinador de campaña, Bieito Lobeira, Hai que mobilizarse contra a banda de delincuentes políticos organizada que constitúe a actual UE, a Troika e o Banco central.
Un grande encontro nacional no que terán voz os representantes dos sectores agredidos polas políticas da UE, colectivos aos que lle teñen roubado a súa vida, aos traballadores e traballadores explotados, aos mozos emigrantes, homes e mulleres do país que padecen os efectos dunhas políticas comunitarias que son aplicadas sen escrúpulos polo PP dende o Goberno galego e español, explicou.
Lobeira augurou unha campaña electoral dura pola desmobilización que pretende o PP, pero doada para o BNG no debate político, por dúas cuestións. Primeira, a coherencia de ter sido unha forza que sempre denunciou e criticou este modelo esmagador da UE fronte á sacralización e ao papanatismo europeo de PP, PSOE e IU. Segundo, polo candidato popular o aínda ministro, Miguel Arias Cañete.
Porque é un vello coñecido deste país, xa desde os tempos do Prestige, que mais ca un candidato é unha eficaz e potente máquina de exterminio de Galiza como pobo, dos seus sectores produtivos, agrario e pesqueiro, o seu programa é o intento de aniquilación da capacidade produtiva da nosa nación, denunciou Lobeira.
Fronte a isto, o mellor antídoto, a mellor receita é o nacionalismo galego que representa o BNG que confía no país, nas súas potencialidades e na súa xente, e iso é o que imos trasladar nesta campaña electoral, recalcou.
Co mesmo lema de campaña, Corazón en Galiza, futuro na Terra. Rebélate polos teus dereitos, o BNG quere trasladar dúas claves. Que hai unha alternativa desde Galiza, unha forza propia non supeditada a ningunha outra de obediencia española con centro de decisión en Madrid, recalcou, esa forza existe, chámase BNG, a mellor garantía para loitar polo noso futuro.
Segunda, o dereito que temos a rebelarnos ante unhas políticas inxustas, que crean desemprego, emigración, pobreza, exclusión social.
Sen mailing, sen créditos bancarios
Lobeira tamén puxo en valor a campaña electoral do BNG, diferente á de calquera outra forza política do país, a única que non utilizará créditos bancarios porque os recursos nesta campaña proceden exclusivamente das achegas da militancia.
O BNG non depende nin de bancos, nin de empresas, nin de ninguén, non está subvencionada, son aportacións da militancia e simpatizantes. Este é un mérito que queremos poñer en valor, nun momento no que o que abundan son sobres B, chanchullos, sobresoldos noutras forzas políticas, explica Lobeira.
Igualmente, o Bloque non usará o correo masivo -mailing-, o que permitirá aforrar 465.000 euros públicos, nunha campaña moi modesta en termos económicos, pero digna, baseada no traballo da militancia.
Queremos con esta campaña que a sociedade non quede na casa, que non se resigne, porque iso é o que pretende o PP para perpetuar as súas políticas agresivas contra o noso país, concluíu Lobeira.